Cae o uso das mensaxes de texto para felicitar as festas

luns, 27 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Tras a celebración do Día de Nadal non son poucos os usuarios que notaron un forte descenso na recepción de mensaxes de texto no seu móbil con respecto aos últimos anos, dando a impresión de que o costume de remitir e reenviar mensaxes de felicitación desapareceu coma tendencia, o que parece responder á popularización das plataformas de redes sociais coma medios para estar en contacto con amigos e familiares, resultando unha canle máis rápida, versátil e económica para felicitar as festas.
Aínda que unha enquisa elaborada por Movilonia entre 735 persoas sostén que as SMS continúan a ser a opción preferente para felicitar o Nadal, o 22,5% dos consultados aseguran empregar Facebook, Twitter e Tuenti para felicitar aos seus, baixando as mensaxes de texto ata o 37,8%.
Nos últimos anos realízanse distintas estimacións do inmenso uso da telefonía móbil para felicitar a entrada do Aninovo, pero desta volta, en vez de apuntar a unha superación de marcas anteriores, estímase unha caída de entre un 15 e un 25% das mensaxes de texto, o que seguen a supor un volume moi importante (uns 18,7 millóns de SMS durante a primeira hora de 2011), aínda que é posible que as estimacións sexan incluso demasiado prudentes ao estimar a caída deste tipo de comunicación, pois se atendemos á sensación de moitos usuarios, a caída das SMS está a ser moito máis pronunciada, especialmente entre as persoas máis habituadas ás TIC.