Carballo Interplay celebra a súa 12ª edición como escaparate da creación dixital

martes, 22 de abril do 2025 Redacción

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay abre este xoves a súa duodécima edición, cun programa que transforma a vila de Carballo nun referente da creación dixital contemporánea ata o vindeiro domingo 27. Co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña (entre outras entidades), o certame reunirase no edificio do mercado e noutros espazos da vila, acollendo 20 webseries procedentes de 12 países na súa sección oficial a concurso. O evento recoñecerá os mellores contidos, canles e creadoras ou creadores en lingua galega.
A programación desta edición inclúe nomes de referencia no ámbito estatal e internacional, como o crítico e cineasta Bob Pop, e figuras do humor como Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo. Tamén destacan as palestras da Zona Pro, pensadas para o sector profesional, e a preestrea da serie musical Mariliendre, dirixida polo lucense Javier Ferreiro e producida por Los Javis.
O festival conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das subvencións para festivais audiovisuais profesionais, cunha achega global de 300.000 euros repartida entre dez certames, tal e como sinalou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, na presentación do programa celebrada no Museo de Bergantiños, onde estivo acompañado polas directoras do certame, Sonia Méndez e Andrea Villa, e autoridades locais. Sutil puxo en valor o labor pioneiro do festival e a súa capacidade para conectar coa mocidade, reforzar a identidade galega e dar visibilidade a novas formas de narrar.

Premios ao talento en galego

Doce proxectos en galego competirán por tres premios específicos. A categoría de mellor produción de contido dixital en galego, dotada con tres mil euros para o seu desenvolvemento, ten como finalistas Epidemia invisible, un proxecto sobre saúde mental de Román Varela; Escoitasme?, unha ficción creada polo alumnado de 4º da ESO do IES Arcebispo Xelmírez I; Artistas en reserva, de Martín Castro; 90 e pico, da Asociación Xuvenil Mómaro; e Señoras con recursos, comedia feminista de Silvia Lorenzo e Paloma Otero.
Na categoría de mellor canle compiten Rebelico Revista, Descifrando a historia, Galego para peques e o podcast Um Tee com Nee. Como mellor creadora en TikTok están nomeadas Konachadas, Sara Seco e Patri Otero, que destaca pola súa denuncia de situacións silenciadas.

Un festival con vocación internacional

A Sección Oficial incluirá series de países como Canadá, Irán, Chile, Reino Unido, Alemaña, Portugal ou Estados Unidos. España estará representada por catro propostas, das que tres son galegas. Ademais de Mariliendre, o festival tamén acollerá a estrea de Delirio Sketchs, unha comedia da viguesa Bea Saiáns, gañadora do premio a mellor proxecto de serie en 2024.
A programación profesional abordará cuestións como o éxito dixital do Celta de Vigo, o fenómeno do True Crime nos podcasts, ou os retos da autoexplotación e a diversidade na comunicación dixital.
Carballo Interplay consolídase así como un espazo fundamental para a visibilización do talento dixital, especialmente en lingua galega, e para o diálogo entre creadoras e creadores de distintas partes do mundo.