China pon a proba móbiles de cuarta xeración, 50 veces máis rápidos cós de terceira

martes, 30 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Sempre insistiremos neste punto: na velocidade de coche tuneado coa que se anova a tecnoloxía. Por exemplo, aínda hai moitos usuarios de telefonía móbil que non saben que é un terminal de terceira xeración (3G), e xa están en China facendo probas coa seguinte quenda de teléfonos, os 4G. Estes novos aparellos, desenvolvidos ó cen por cen naquel país, permiten (como era de imaxinar) algo máis que facer ou recibir chamadas ou poñer a alarma pola mañanciña. Así, segundo se puído comprobar nestas primeiras experiencias coa nova tecnoloxía na cidade de Xangai, os móbiles 4G transmiten datos ata 50 veces máis rápido cá 3G. O curioso da historia e con independencia de que case a totalidade das historias tecnolóxicas que proveñen de Oriente nos parezan curiosas, é que en China veñen de dar un chimpo sobre unha xeración de móbiles, en concreto sobre a terceira, que nunca chegou a ter presenza nos mercados daquel país por retrasos continuos do goberno na concesión de licenzas. Con esta manobra (con este chouto), os enxeñeiros chineses queren xogar no mercado coa seguridade de terse adiantado a calquera outro competidor: ninguén, que se saiba, fixo antes probas de tal calibre e en exteriores coa tecnoloxía 4G. Ó igual cá 3G, aquela permite acceder á Rede dende o móbil, mesmo desprazándonos nun vehículo a gran velocidade e cunha rendibilidade de 100 megabits por segundo (sendo o que ofrecen as 3G un promedio de 2,84 megabits).