Comeza a tramitación da futura Lei de transformación dixital do sistema público de saúde

luns, 16 de marzo do 2026 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o inicio da tramitación do anteproxecto de lei de transformación dixital do sistema público de saúde de Galicia, unha iniciativa destinada a regular o uso da tecnoloxía no ámbito sanitario e reforzar a ciberseguridade en todos os procesos.
Segundo explicou, o obxectivo é impulsar a aplicación crecente das novas tecnoloxías na sanidade e aproveitar todo o seu potencial, ao tempo que se establece un marco normativo que garanta «un uso seguro, ético e responsable».
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou que a nova norma permitirá adaptar a normativa autonómica á Estratexia de saúde dixital do Sistema Nacional de Saúde. Ademais, basearase na Lei galega de intelixencia artificial e enmarcarase na Lei de administración dixital de Galicia. «Vai situar Galicia á vangarda a nivel normativo, poñendo a tecnoloxía ao servizo das persoas e garantindo a seguridade xurídica», indicou.
Entre as principais novidades destaca a regulación do uso de ferramentas que permiten automatizar determinados diagnósticos e procesos clínicos, abordando así a gobernanza ética das tecnoloxías de automatización sanitaria. O texto establecerá un marco de goberno destinado a garantir a privacidade e o uso ético destas tecnoloxías no diagnóstico (algoritmos de intelixencia artificial, tecnoloxías de automatización robótica de procesos ou dispositivos da internet das cousas aplicados ao ámbito médico, entre outros).
Na actualidade, segundo salientou Rueda, xa se procesaron 1.000.000 de imaxes médicas mediante intelixencia artificial no Servizo Galego de Saúde, principalmente nos ámbitos de urxencias e atención primaria (imaxes de tórax e músculoesqueléticas).
A norma tamén reforzará a ciberseguridade e a protección de datos, coa definición clara de responsabilidades de acordo tanto co Regulamento Xeral de Protección de Datos como coa normativa específica de ciberseguridade.
Outra das medidas previstas é consolidar un acceso seguro e interoperable aos datos médicos en todos os niveis asistenciais a través da historia clínica electrónica. No Servizo Galego de Saúde esta historia clínica é única tanto para a atención primaria como para a hospitalaria, e pode consultarse desde calquera área sanitaria.
Neste mesmo ámbito, a lei definirá legalmente o conxunto de datos, servizos e infraestruturas de hardware e software que, xunto coa historia clínica única, constitúen o sistema de información sanitaria. Este sistema abrangue a xestión de datos demográficos, de profesionais, de loxística e tamén a administración das infraestruturas sanitarias.