Comeza o novo programa Yuzz achegando 40 prazas para os emprendedores innovadores da UDC

martes, 31 de outubro do 2017 Redacción

Santander Yuzz, o programa que durante oito edicións impulsou o espírito innovador e as iniciativas creativas dos novos emprendedores universitarios (un total de 4.200 participantes de todo o ámbito estatal e centos de empresas xeradas en toda España), vén de subir un chanzo evolutivo para a súa vindeira convocatoria. E faino converténdose no programa Explorer Mozos con Ideas, dirixido para xente nova de entre 18 e 31 anos e co obxectivo de fornecela dunha contorna dixital, cooperativa e aberta para que os seus proxectos abrollen e maduren no mellor dos escenarios posíbeis. Esta iniciativa, impulsada por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinada polo CISE (Centro Internacional Santander Emprendimiento), foi presentada os meses pasados na USC (Campus de Santiago e de Lugo) e agora na Universidade da Coruña, que xa participou en catro edicións e que vén de pór en marcha a nova entrega do programa.
Segundo puidemos saber, Explorer Mozos con Ideas achega 40 prazas para os vindeiros emprendedores da UDC. Como novidade este ano, haberá dous espazos de formación e impulso de iniciativas, un na Coruña e outro en Ferrol
Os seleccionados poderán beneficiarse do acceso ao Explorer Space UDC, un centro de coworking de alto rendemento onde poderán desenvolver as súas ideas de forma cooperativa, conectándose con outros emprendedores e recibindo asesoramento personalizado e formación dunha rede de máis de 200 expertos en innovación e modelos de negocio.
Ao remate dos cinco meses de formación e ideación, o proxecto mellor valorado do Explorer Space UDC viaxará a Silicon Valley, o referente mundial en innovación e emprendemento do ámbito dixital, xunto a outros 50 emprendedores de todo o territorio estatal, onde recibirán clases maxistrais e empresas tecnolóxicas punteiras, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o seu desenvolvemento.
Ademais, grazas á colaboración coa Fundación EY, Explorer conta tamén co premio Woman Explorer Award que ofrece 20.000 euros para financiar o mellor proxecto liderado por unha emprendedora e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award (impulsado por Indra) que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio máis innovador. Os interesados en participar poden inscribirse a través da plataforma global www.jointheX.org.

PUBLICIDADE