Concello, USC e CESGA mostran nos coles o gran labor das nosas investigadoras

luns, 2 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Imos ter, estes días, nova edición do programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago e o Concello de Santiago a través do Departamento de Igualdade, no que participaban os colexios composteláns. Nesta nova entrega, que novamente busca visualizar no ámbito docente o traballo de enxeñeiras e científicas locais (co fin de espertar vocacións STEM entre as estudantes e contribuír a derrubar a falsa crenza de que a ciencia e a tecnoloxía non son aptas para elas), participan o CEIP López Ferreiro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Pío XII, o CEIP Raíña Fabiola, o CEIP de Roxos e o CEIP de Vite. O programa, que inclúe obradoiros para o alumando de quinto de Primaria, volverá contar coa presenza activa de investigadoras da Universidade de Santiago (por exemplo do CiTIUS) e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Entre as relatoras atópanse Natalia Costas e Mª José R. Malmierca, do CESGA, que concorren co obradoiro Falando cos superordenadores. Nesta sesión, “de forma lúdica e práctica”, levaranse a cabo varias experiencias de uso da programación básica e a súa interacción con microcontroladores e diversos compoñentes externos. Tamén traballará no programa a profesora María Jesús Taboada Iglesias da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC, que falará do significado da intelixencia. E tamén intervirá, entre outras, a profesora Eva Cernadas, do Departamento de Electrónica e Computación da USC e investigadora do CiTIUS (este 4 de outubro no Pío XII para mostrar as aplicacións da informática visual na bioloxía).
Como sinalamos por estas mesmas datas o ano pasado, a iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole ten como principal obxectivo dar a coñecer ás enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tradicionalmente asociadas ao mundo masculino. Na anterior edición desenvolvéronse unha vintena de obradoiros onde se mostrou a relación da ciencia e das tecnoloxías coa nosa vida cotiá co fin de achegar ao alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico.
As temáticas foron moi variadas: programación, supercomputadores, física divertida, xogos coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras e as encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da Universidade de Santiago e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

PUBLICIDADE