Condenan ao responsable de Infektor.com

venres, 13 de maio do 2011 Marcus Fernández

En marzo de 2007 unha operación da Brigada de Investigación Tecnolóxica da Comisaría Xeral da Policía Xudicial concretouse na detención de 10 persoas e na clausura de 21 páxinas web, e a primeiros de ano soubemos que un xulgado de Ferrol sobreseu a causa contra as 3 páxinas web máis importantes das involucradas (estrensodivx.com, limitedivx.com e limitetracker.com), polo que resulta un tanto rechamante que agora se dea a coñecer que o xulgado do Penal nº 2 de Vitoria condenou a Carlos López a un ano de cadea e unha multa de 1.080 euros por vulnerar a lei de propiedade intelectual ao facilitar na páxina web Infektor.com ligazóns a descargas de películas, música e programas de ordenador, así como facilitar os medios para evitar a protección de aplicacións informáticas e videoxogos.
A sentenza produciuse tras a denuncia de ADeSe, EGEDA e as produtoras Lauren Film e Manga Film, pero o que si compre destacar é que estamos ante unha sentenza de conformidade, ou sexa, que os demandantes e o acusado chegaron a un acordo para rebaixar a petición de 2 anos de cadea que facía o fiscal, de xeito que, ao non ter antecedentes penais, non terá que pisar a prisión.
Esta sería a terceira sentenza deste tipo (como a de Infopsp.com e Simonfilmtv) e vai contra moitas outras decisións na dirección oposta, especialmente por considerar a xuíza na súa sentenza que as ligazóns constitúen un acto de comunicación pública (o que dificilmente se sostería se non estivésemos ante unha sentenza de conformidade).

PUBLICIDADE