Confirmadas as sospeitas: Vodafone e Telefónica compartirán redes para mellorar o servizo

luns, 23 de marzo do 2009 Raquel Noya

Tal e como anunciamos nos pasados días, Telefónica e Vodafone, dúas das operadoras de telefonía máis grandes do mundo, veñen de anunciar un amplo programa estratéxico para compartir activos de redes móbiles en varios países de Europa nos que operan na actualidade e mellorar así a calidade dos seus servizos ao tempo que reducen os custes operativos de rede.
Ambas as dúas compañías estudaron conxuntamente as oportunidades de cooperación que poderían levar a cabo en outras áreas como a provisión de servizos de transmisión e acordaron aproveitar os seus acordos para facilitar o despegue das súas respectivas redes, ao tempo que melloran a calidade do servizo para os seus clientes a longo prazo.
Asemade, mediante este acordo, as operadoras reducirán o impacto mediambiental, grazas á consolidación por ambas as dúas compañías dos emprazamentos existentes e o desenvolvemento conxunto de novos sitios.
Os responsables deste convenio, en contra do que parece a chegada inminente dun novo monopolio, aseguran que con esta acción, “poderán ofrecerlle unha mellor e maior cobertura aos seus clientes aínda que con menos emprazamentos de antenas”, o que tranquilizará á facción de cidadáns que desconfían dos posibles efectos adversos das mesmas.
Grazas a este programa, os clientes nos países involucrados beneficiaránse, segundo as operadoras, “de melloras na cobertura a longo prazo, particularmente en servizos como a banda larga móbil” así como do “desenvolvemento de produtos e servizos innovadores para eles”.
No noso país, ambas operadoras extenderán o acordo de compartición asinado en 2007 que inclúe o emprego de xeito conxunto da electricidade, os equipos e os mástiles.