Confirman que BT frea a velocidade do P2P no Reino Unido

venres, 18 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios das redes de intercambio de ficheiros a través da Internet tenden a desconfiar que a velocidade das súas conexións non é tan boa como debería, sospeitando que as operadoras de telecomunicacións detectan o tráfico P2P para penalizalo, e por mor dunha campaña publicitaria de Sky no Reino Unido confírmase que BT realiza este tipo de políticas.
O anuncio de Sky asegura que eles non reducen a velocidade das conexións de banda larga en horas punta «coma fan Virgin Media e BT», o que molestou a BT, que recoñece que frea a velocidade dos usuarios máis activos, o que nun principio só afectaría ao tráfico P2P, a servizos coma Skype e a reprodutores de vídeo de alta calidade, pero non ao acceso a páxinas web, polo que os organismos que regulan a publicidade consideran que as afirmacións de Sky poden resultar enganosas, pero o certo e que nos consumidores calou a mensaxe de que BT non frea a velocidade dos seus usuarios agás cando a demandan (o que, por outra banda, é obvio).
Este tipo de prácticas de discriminación de tráfico de Internet realícese en case todo o mundo, pero as operadoras normalmente non o fan público, por desgraza para os usuarios, que en moitas ocasións gustarían de ter acceso a tal información para elixir operador.