Convocado dende a USC o III Concurso de Edición da Galipedia

luns, 30 de marzo do 2026 S. P.

Na USC, as comisións de normalización lingüística das facultades de Matemáticas, Psicoloxía, Enfermaría, Humanidades, Dereito, Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e Instituto Galego de Física de Altas Enerxías promoven o terceiro Concurso de Edición da Galipedia.
Os obxectivos deste concurso, que terá en conta as edicións feitas dende o 16 de abril de 2026 ata o 20 de setembro, son “promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia” e “fomentar a participación da comunidade universitaria nunha iniciativa orientada á promoción da lingua galega e da cultura”.
As persoas interesadas en participar neste concurso teñen que ser membros da comunidade universitaria da USC no curso académico 2025/2026 e deberán, antes do 10 de maio, inscribirse como participantes en liña.
A organización confirmará a inscrición ao enderezo electrónico que no formulario se indique como medio de contacto. Será preciso editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes. Esas edicións deben realizarse como persoas usuarias rexistradas na Galipedia, para que as contribucións individuais de cada participante sexan identificables. Antes do 20 de setembro, presentaranse esas edicións ao concurso, seguindo o procedemento que se indica nas bases do concurso.
Os artigos, redactados en lingua galega, deberán encadrarse en calquera dos seguintes eidos: Psicoloxía; Matemáticas; Enxeñarías química, ambiental e informática, e intelixencia artificial; Enfermaría; Patrimonio cultural galego; Dereito e cultura xurídica; e Física de partículas. Unha mesma persoa autora poderá presentar a concurso artigos vinculados a unha ou a varias áreas de coñecemento. Ademais impartirase unha xornada de formación o 16 de abril, a partir das 16.30 horas na ETSE, previa inscrición en liña.