Cyberpunk 2077 terá un xogo de realidade virtual que posiblemente veremos na Coruña

martes, 31 de marzo do 2026 Redacción

O universo de Cyberpunk 2077 prepara unha nova expansión fóra das pantallas tradicionais cunha experiencia inmersiva baseada en realidade virtual que se desenvolverá en instalacións físicas. A iniciativa é froito da colaboración entre Zero Latency VR e Cd Projekt Red, que adaptarán o coñecido mundo de Night City a un formato de xogo en grupo e con movemento libre.
A proposta, deseñada especificamente para os espazos a gran escala de Zero Latency VR, permitirá aos participantes desprazarse fisicamente por escenarios compartidos mentres interactúan nunha aventura cooperativa. Esta tecnoloxía, baseada en dispositivos sen fíos e seguimento do corpo completo, busca ofrecer unha sensación de liberdade e intensidade superior á das experiencias VR domésticas.
Ambientado na coñecida megalópole futurista obsesionada co poder, o luxo e a modificación corporal, o novo proxecto toma como referencia o xogo lanzado en 2020, no que o xogador encarna a V, un mercenario con melloras cibernéticas. Porén, non se tratará dunha adaptación directa do videoxogo, senón dunha experiencia independente que conservará a estética e a atmosfera de Night City.
O desenvolvemento deste proxecto aproveitará a infraestrutura global de Zero Latency VR, que conta con máis de 150 instalacións en arredor de 30 países, entre a que temos que destacar a situada na cidade da Coruña, para fortuna para os galegos afeccionados a Cyberpunk 2077.

Vídeo promocional da nova experiencia VR baseada en Cyberpunk 2077