DHOGS estréase en Filmin

venres, 5 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O filme galego DHOGS de Andrés Goteira fixo historia no noso audiovisual pola súa arriscada proposta que conseguiu financiamento a través de Verkami, converténdose no segundo proxecto de máis éxito nesta plataforma en Galicia durante os seus 4 primeiros anos.
Tras trunfar no Festival de Sitges e nos Premios Mestre Mateo, a produción chegou de xeito bastante limitado a salas comerciais, polo que quen non tivese a oportunidade de vela no seu momento agora non pode deixala pasar, xa que vén de estrearse na plataforma en liña Filmin, onde pode alugarse por 2,95 euros, estando tamén incluída no plan de subscrición de Filmin (que custa 7,99 euros/mes), polo que tamén pode verse como unha oportunidade para probar o catálogo desta plataforma audiovisual alternativa nacida en España co apoio da industria do país.
Este filme protagonizado por Melania Cruz, Antonio Durán Morris, Miguel de Lira, Carlos Blanco e Iván Marcos, está dispoñible para a súa reprodución na súa versión orixinal en galego, con subtítulos en español, galego e catalán e imaxe en alta definición.

Melania Cruz recibiu un Premio Mestre Mateo polo seu papel en DHOGS
Iván Marcos tamén recibiu o recoñecemento da Academia Galega do Audiovisual pola súa participación no filme de Goteira