Dende a bricolaxe electrónica ata as gastroimpresoras estarán presentes nun congreso sobre innovación en Carballo

venres, 10 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Para divulgar diversas iniciativas innovadoras co obxectivo de transmitir e pór en valor estas experiencias entre os días 30 e 31 de outubro celebrarase no Fórum de Carballo o congreso Cos pés na terra, promovido pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER).
O xoves pola mañá terá lugar a sesión Carballo Innova, con diversas presentacións de iniciativas emprendedoras locais (a empresa de sistemas eléctricos Digiswitch, a revista profesional de fútbol e fútbol sala Fútbol Táctico, o portal e a tenda en liña Bricogeek, a compañía especializada en electrónica Static Boards, a factoría audiovisual Mamá Loca, a empresa de maquinaria para a industria conserveira Herfraga e os especialistas en impresións 3D Lupeón), mentres que na sesión de tarde impartirase un obradoiro de Design Thinking, unha metodoloxía da Universidade de Standford para o deseño de produtos, da que darán conta os responsables de Vermis Project.

A impresión 3D aplicada á gastronomía é un dos temas que se tratarán neste congreso

O venres contarase coa presenza de tres personalidades destacadas do mundo da innovación: Paco de Pin, quen está innovar no negocio musical dende Nordesía; Antonio Muíños de Portomuíños, un referente internacional da transformación agroalimentaria; e Paco Morales, que dende o seu restaurante Noor de Granada vén de revolucionar o mundo da gastronomía grazas á aplicación no seu ámbito da tecnoloxía de impresión 3D. Completarase a xornada cun xantar que coincidirá coa celebración da LaconNetwork, facilitando a interacción entre os participantes no congreso e emprendedores tecnolóxicos de toda Galicia.
A asistencia ao congreso é de balde, estando o aforo limitado a 100 persoas no caso das conferencias e a 25 persoas no caso do obradoiro, podendo realizarse as inscricións por correo electrónico ou a través do número de teléfono 981 757 815.


Vídeo no que Paco Morales explica a súa achega ao uso da impresión 3D na gastronomía