Denuncian que Vodafone pasará a cobrar algúns trámites efectuados por vía telefónica

xoves, 9 de febreiro do 2017 Redacción

A Asociación de Internautas, a ADECES e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) están a denunciar de xeito conxunto a tendencia á suba de prezos que de xeito mantido practican os operadores de telecomunicacións, centrándose desta volta no feito de que Vodafone comezará a cobrar 2,5 euros por cada chamada ao seu servizo de atención ao cliente que sexa atendida por un teleoperador para a resolución de determinados trámites que até o momento eran de balde como preguntar polos códigos PIN ou PUK, pedir unha copia da factura, cambiar o número de conta bancaria ou modificar o enderezo de facturación, destacando o feito de que este cambio de política de atención non se notificou especificamente aos clientes antes da súa aplicación.
As asociacións de consumidores consideran que esta medida por parte de Vodafone supón un cambio de contrato e tampouco consideran xustificado que haxa que pagar por trámites que na súa grande maioría reverten de xeito positivo na propia compañía e forman parte do que consideran que debe de ser un servizo de atención ao cliente de balde.
Dende Vodafone aseguran que a medida pretende impulsar a autoxestión por parte dos clientes, que poden realizar estes trámites en liña completamente de balde, pero as asociacións de consumidores non cren que penalizar unha forma convencional de relación co operador sexa razoable, e o que reflectiría a medida é que Vodafone ten mal dimensionado o seu servizo de atención telefónica.

PUBLICIDADE