Desaparece o emulador Ryujinx por presións de Nintendo
mércores, 2 de outubro do 2024
A filtración do xogo The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom en 2023 evidenciou o problema que supón a existencia da emulación de consolas de videoxogos actuais, xa que levou a que unha grande masa de xogadores puidesen xogar no seu ordenador a un título antes do seu lanzamento oficial, levando a que Nintendo tomase medidas, e finalmente conseguiron que o emulador que máis proveito tirara da situación (Yuzu) desaparecese comprometéndose a pagar unha indemnización de 2,4 millóns de dólares (pois incitara máis dun millón de descargas de copias ilegais do mencionado xogo de Zelda).
Dado que Tropic Haze, os responsables dos emuladores Yuzu e Citra, tiraba proveito económico da súa actividade, resultaba doado para Nintendo a adopción de medidas legais na súa contra, pero no mercado quedaba outro grande emulador contra o que o tiñan máis difícil, xa que Ryujinx é código aberto, estando o seu código dispoñible libremente, polo que podería considerarse imparable a súa divulgación.
Aínda que o proxecto poida seguir vivo a través de distintas ramificacións, o responsable de Ryujinx, que responde ao alcume de gdkchan, recibiu unha notificación de Nintendo, ante a que decidiu deter o seu proxecto, aproveitando a ocasión para agradecer ás moitas persoas que colaboraron ao mesmo.
Agora mesmo Ryujinx non se atopa dispoñible para a súa descarga nas súas versións para Windows, Linux e macOS, e os traballos para levar o emulador a Android e iOS (que estaban moi avanzados) quedan conxelados, quedando agora por ver se algún outro grupo de desenvolvedores colle a remuda do proxecto, mantendo a emulación de Nintendo Switch viva.
Cómpre lembrar que a creación de emuladores non é ilegal en si, pero a meirande parte dos traballos neste tipo de software realízanse de xeito altruísta, polo que os responsables dos proxectos de emulación normalmente non están dispostos a verse involucrados en procesos xudiciais que terían un impacto económico persoal inasumible.