Descontos na renovación de móbilR para os clientes que leven o seu aparello antigo

mércores, 14 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

O operador R vén de pór en marcha unha nova campaña a través da que propón, literalmente, unha reciclaxe do noso móbil. Para entendelo mellor e segundo nos conta dende o seu blog a empresa galega, a cousa consiste nun novo servizo, demandado previamente polos clientes, que permite renovar un terminal con móbilR ou dar de alta unha liña nova e acadar o mellor prezo posible entregando o aparello que estamos a usar neste intre. As vantaxes son múltiples segundo avanza R: para o noso peto, que se vai ver o menos alterado posible, e por suposto para o medio ambiente, ao seguirse a cadea racional de reciclaxe de compoñentes.
Para tirar proveito desta oferta o único que se nos pide é achegármonos a unha tenda R adscrita a este servizo, onde esculcarán no aparello e achegaranlle unha valoración seguindo as táboas estándar das empresas de reciclaxe. En base a isto e en base non só a factores como a calidade intrínseca do móbil, senón tamén o seu estado xeral, a taxa de desconto será maior ou menor. Por certo que o aforro aplicarase na factura despois da entrega, non haberá diñeiro en metálico. O servizo, informa R, é só para clientes. Na web do operador, para quen queira afondar no tema, hai máis información sobre este novo servizo.