Despega o proxecto Smarnet para impulsar no noso litoral a pesca intelixente
mércores, 18 de maio do 2016
Os días pasados o
proxecto-consorcio Smarnet (dirixido
a aplicar o concepto e características propias das contornas smart
no ámbito litoral e da pesca) emitiu novos e importantes partes
informativos de actividade. Segundo puidemos saber, as catro empresas
galegas implicadas na iniciativa (SIVSA, Scio IT, Itelsis e Ocean
Vision) xa traballan arreo na súa construción, xunto con Gradiant
e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). O
proxecto materialízase este mesmo ano, coa presentación dos
primeiros prototipos.
Como lembraremos, Smarnet obtivo
recentemente o financiamento preciso para o seu pulo. Concretamente,
recibiuno do programa FEDER Innterconecta (xestionado polo Centro
para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, o CDTI). A empresa
líder do consorcio é SIVSA e, segundo informou a propia empresa
recentemente, a iniciativa pretende “dar forma a unha plataforma
baseada na tecnoloxía Fiware que dea soporte ao desenvolvemento de
aplicacións e servizos asociados ao ámbito litoral-costeiro, tanto
para o ámbito profesional como para o público xeral”.
A un nivel máis
concreto, estas aplicacións e servizos permitirán aos profesionais
facer cousas como rendibilizar ao máximo as súas actividades
pesqueiras: saberán se un lugar e tempo determinado son acaídos
para encetar o seu labor, se hai elementos non previstos que poidan
entorpecer a seguridade e a navegación, o tempo exacto que vai
acompañar unha xeira de traballo, os prezos actuais das especies,
etc. Tamén poderán levar a cabo accións integrais de xestión e
control dos buques e equipamentos dos que dispoñen, facendo fincapé
na súa dispoñibilidade e na súa seguridade.
Segundo informan dende a
coruñesa Scio IT, o alicerce de Smarnet é a ferramenta creada para
controlar os labores realizados na reserva mariña dos Miñarzos,
focalizándose
a dita tecnoloxía en permitir á Xunta localizar a situación e
actividade dos buques alí faenando. Con Smarnet, engade,
romperanse límites e, polo tanto, xa non será a Administración
Autonómica a única que poderá ter acceso a estas tecnoloxías: os
profesionais dos barcos poderán subir información e acceder a ela,
ao xeito dunha rede social onde a información actualizada en tempo
real é unha das súas principais razóns de ser. Nesta vertente de
Smarnet xogará un papel importante o sistema Safe to Sea
(S2S), unha tecnoloxía de Scio con capacidade para lanzar aos
servizos de urxencia alertas automáticas e inmediatas sobre caídas
de mariñeiros e navegantes ao mar.
Segundo sinalou no seu
día SIVSA, Smarnet preséntase como unha plataforma que permitirá
unificar o acceso a datos marítimos e pesqueiros e crear aplicacións
de valor engadido dunha maneira sinxela, estandarizada e flexíbel en
relación a cambios e adaptacións outras contornas. Con este último
obxectivo, o proxecto conta coa “importante colaboración” de
centros tecnolóxicos como o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e o
Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións (Gradiant).
Respecto das
respectivas contribucións de cada empresa participante, Scio
achegará sobre todo a parte do soporte tecnolóxico e electrónico,
en definitiva os equipos que posibilitarán o uso da plataforma dende
o barco. O cometido de SIVSA, pola súa parte, centrarase
principalmente en deseñar e desenvolver a dita plataforma central e
o seu software, amais do centro de control. Itelsis fornecerá a
vertente de comunicacións e Ocean Vision o seguimento e xestión
altamente eficaz das artes pesqueiras empregadas.