Dispárase o uso de xogos en liña

luns, 16 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Táboa co número de usuarios de Steam simultáneos nas últimas 48 horas

O lecer dixital está a disparar o seu consumo por mor da corentena que busca mitigar o impacto do COVID-19, e no sector dos videoxogos isto está a propiciar o rexistro de máximos históricos en usuarios rexistrados e usuarios activos en múltiples xogos e plataformas, e como exemplo temos que esta fin de semana a plataforma de xogos para PC de Valve, Steam, rexistrou até 20,3 millóns de usuarios, superando os 18,8 millóns de usuarios que rexistrara como pico o mes pasado, e facendo que varios dos xogos máis populares (Counter-Strike: Global Offensive, DOTA 2, PUBG...) tamén acadasen os seus máximos históricos en PC, deixando claro que estamos nunha situación excepcional.
Tamén son moi rechamante os resultados conseguidos por Call of Duty Warzone, o battle royale ambientado no mundo de Modern Warfare que ao chegar baixo a fórmula de free-to-play o pasado martes conseguiu captar a atención de máis de 15 millóns de usuarios de distintas plataformas en só 3 días (con 6 millóns de usuarios o primeiro día), mentres que o battle royale de Fortnite precisou dun par de semanas para superar os 10 millóns de usuarios e Apex Legends en 3 días chegou a 10 millóns de usuarios, ou sexa, que o novo título de Activision estaría a conseguir os mellores resultados dun xogo deste xénero no seu lanzamento.
Esta grande afluencia de xogadores non ten lugar sen incidencias, e así Xbox LIVE experimentou problemas de conexión durante un par de horas na xornada de onte, aínda que por fortuna para os xogadores dende Microsoft este tipo de problemas soluciónanse a grande velocidade, pero non sería de sorprender que nos vindeiros días haxa problemas puntuais para xogar en liña nalgunha das plataformas en liña tanto para consolas como para PC.

PUBLICIDADE