Divulgadores e científicos galegos xuntan forzas en DivulgACCIÓN

xoves, 30 de xaneiro do 2014 Redacción

Manuel Vicente, presidente da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica

Pode un colectivo galego crearse lonxe da nosa terra? A resposta é si, e exemplos tivemos de abondo para corroboralo. A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica colleu corpo a uns 730 quilómetros de distancia, en Pamplona (Iruña), e con toda probabilidade o feito de atopárense lonxe axudou aos futuros integrantes da plataforma a atopar ligazóns comúns. Ligazóns comúns na diversidade, por así dicilo. O resultado deste encontro entre científicos, comunicadores e divulgadores do ámbito estatal, entre os que había unha ampla representación galega, foi a posta en marcha do dito colectivo. Ou mellor dito: a súa orixe. Así nolo conta Manuel Vicente, presidente da AGC CCT, quen nos fai un percorrido pola breve historia dunha entidade que xa está a pleno rendemento nas canles tradicionais e na Rede (a través de divulgaccion.org) e que dará moito que falar. En todo o sentido da expresión.
-Cando e por que xorde a AGC CCT?
-Curiosamente a idea de crear unha asociación como a nosa naceu en Pamplona. No ano 2010 celebrouse nesa cidade o V Congreso de Comunicación Social da Ciencia. Alí coincidimos un bo número de divulgadores galegos, e nas charlas de corredor xurdiu a idea. Pero non foi ata abril de 2011 cando botamos a andar o proxecto. Fíxose unha convocatoria aberta aos posibles interesados, e para nosa sorpresa xuntámonos trinta divulgadores no CGAC en Santiago que fundamos a asociación.
-O nome non é pouco impronunciable...
-Si o é ... (ri). Estas letras, ademais de ser o acrónimo da nosa asociación tamén o son de dous aminoácidos. Para evitar este trabalinguas decidimos empregar o nome de DivulgACCIÓN, que tamén o enderezo da nosa páxina web.
-Que clase de actividades desenvolvedes en DivulgACCIÓN?
-Temos un pouco de todo. Fixemos xornadas abertas ao público para compartir experiencias e formación, divulgamos a pé de rúa en varias vilas nos nosos Puntos Científicos, fixemos algunha visita guiada especial para socios ou mesmo argallamos unha sesión golfa en Vigo da xente de The Big Van Theory.
-Hai algunha iniciativa que promoverades neste tempo e da que vos sintades especialmente orgullosos?
-Eu destacaría dúas. Unha son os Puntos Científicos que vos comentei antes. Levamos no sangue a querencia por chegar a xente. Así que nos Puntos Científicos un grupo de entusiastas socios disfrazámonos e poñémonos a facer divulgación a pé de rúa. Xa o fixemos en Ourense, Carnota e en A Coruña. A outra iniciativa coa que estamos moi ilusionados é Divulga na Escola. Moitos dos nosos socios xa viñan dando charlas e obradoiros polos colexios e institutos do pais, pero nós detectamos que a información estaba moi dispersa. Así que creamos unha listaxe que facilita que os centros coñezan todas as posibilidades que teñen de fichar unha divulgadora ou divulgador para unha actividade concreta.
-Que perfil hai que ter para se facer un socio?
-Un dos puntos fortes de DivulgACCIÓN é que temos unha grande biodiversidade. Forman parte da nosa asociación profesores universitarios, investigadores, profesionais dos medios de comunicación, profesores de instituto, actores, xente dedicada ó tempo libre, persoal de museos,... temos de todo. Esta gran rede de contactos é algo que valoran moito os nosos socios. O noso denominador común é a paixón pola divulgación da ciencia e a tecnoloxía, e as ganas e compromiso por facela coa máxima calidade. Calquera que se sinta identificado con isto é benvido.
-Como cualificarías o estado da divulgación e comunicación da I+D+i en Galicia?
-En Galicia temos a sorte de contar cuns profesionais moi potentes no eido da divulgación. E o mellor de todo é que seguen a aparecer iniciativas de divulgación. Nestes tempos actuais o problema co que nos atopamos é que é complicado atopar financiamento para as diferentes iniciativas de cultura científica. Mesmo diría que o reto está en consolidar os proxectos. Nos consideramos a cultura científica como fundamental para a cidadanía, pero non temos claro que as institucións, empresas ou administración o vexan así.

PUBLICIDADE