A Xunta aposta polo uso de drons para unha mobilidade urbana sustentable

xoves, 17 de decembro do 2020 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou esta tarde nunha mesa redonda sobre o futuro da mobilidade urbana sustentable organizada polo colectivo Ellas vuelan alto que integra a mulleres expertas e de referencia no sector aeroespacial.
Na súa intervención, Argerey apuntou que o uso extenso dos drons para o transporte de mercadorías ou de persoas nas cidades precisa dun avance moi relevante, tanto a nivel de tecnoloxía como de regulación que afecta ao uso do espazo aéreo. No entanto, a directora de Gain informou de que desde a Xunta se está a traballar para dotar a Galicia dunha infraestrutura única para facilitar un entorno seguro de probas que permita avanzar de xeito paralelo tanto a nivel de tecnoloxía como de regulación.
En concreto, a directora da Axencia Galega de Innovación destacou o proxecto Galician Skyway, que acaba de rematar, e no que a Xunta e Boeing traballaron conxuntamente no marco do Polo Aeroespacial de Galicia no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión e seguridade do tráfico de drons en espazos aéreos compartidos. Este proxecto achega solucións a situacións clave identificadas neste ámbito que son fundamentais para o despegue definitivo do segmento dos UAV. Entre os fitos acadados neste proxecto destaca a instalación en Rozas dun laboratorio de simulación de continxencias en voo para UAV, que sitúa ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) como unha infraestrutura científico-tecnolóxica de referencia no ámbito da I+D+i en vehículos non tripulados.
Para complementar esta infraestrutura, o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) lanzará proximamente unha licitación para dotar a Rozas dun simulador de xestión de tráfico aéreo U-Space. O concepto U-Space refírese ao sistema de xestión de tráfico aéreo non tripulado deseñado pola Unión Europea para dar resposta aos novos paradigmas do transporte urbano. O conxunto de infraestruturas de simulación das que se dotará o CIAR permitirán operar ao centro como unha infraestrutura de referencia de soporte ao desenvolvemento en paralelo da tecnoloxía e da regulación co obxectivo de ampliar o mercado de usos civís dos drons e acelerar a xeración de actividade económica e industrial arredor deste sector.
Argerey anunciou que estes proxectos terán continuidade no próximos cinco anos a través dun novo período de programación do Polo Aeroespacial de Galicia que, cunha previsión de investimento público-privado de máis de 160 millóns de euros, tratará de transformar os resultados tecnolóxicos acadados en desenvolvemento industrial e crecemento económico a longo prazo.
A directora de Gain tamén puntualizou que os retos da mobilidade non se circunscriben exclusivamente á contorna urbana, senón que no ámbito rural tamén atopamos desafíos importantes como o transporte de paquetería ou a asistencia médica. Por último, apuntou que Galicia está a traballar xa nos proxectos para captar fondos europeos Next Generation, entre os que teñen un papel protagonista o sector aeroespacial e a mobilidade sustentable.

PUBLICIDADE