DriveTools: aplicación para o iPhone que axuda a atopar as gasolineiras máis baratas

venres, 29 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Se falamos dunha ferramenta que nos axude a aforrar cartos viaxando (e co caro que está o combustible) e resulta que esa ferramenta tamén é de balde, entón ben merece que se lle empreste un pouco de atención, por moito que só estea dispoñible para as persoas que empregan o iPhone (e agardamos que se amplíe o catálogo de compatibilidades). Falamos de DriveTools, unha aplicación de balde para o dito aparello que inclúe algo que, a xuízo da empresa responsable do desenvolvemento, non se viu aínda a nivel de mobilidade: a posibilidade de ver sobre un mapa as gasoliñeiras que atoparemos nunha ruta clasificadas por prezo e por marca. Isto significa entre outras cousas que estaremos ao tanto de cal é a opción económica que máis nos convén.
A maiores disto, a aplicación fornece ao usuario de varias utilidades para facer máis doada, segura e sustentábel a condución, incluíndo servizos destinados a converter ao iPhone nun computador de abordo. Ou sexa, que o sistema é quen che achegar alertas cando superemos certo tempo ao volante ou cando nos pasemos dun límite establecido de velocidade.
A pregunta que nos podemos facer é: como sabe o programa en cuestión cales son as estacións de servizo máis recomendables para que non deixemos todo o presuposto para unha viaxe na estrada? Pois tirando partido dos datos que publica decote o Ministerio de Industria e que abranguen o servizo de máis de 6.500 estacións. “Só tes que elixir o lugar de saída e o destino do desprazamento, e a aplicación amosarache tódalas gasolineiras próximas ás estradas polas que pasa a túa ruta”, informan os responsables do desenvolvemento, a empresa española Medialabs, unha consultora de promoción e publicidade en medios interactivos que para esta estratexia en cuestión contou co apoio de Toyota España, que está inserida na promoción da súa gama de vehículos híbridos.

PUBLICIDADE