EE.UU. veta a entrada a Thierry Breton e a activistas contra a desinformación e os discursos de odio
mércores, 24 de decembro do 2025

- Marco Rubio foi o encargado de anunciar as medidas adoptadas polo Departramento de Estado
A Administración de Donald Trump decidiu prohibir a entrada nos Estados Unidos a cinco cidadáns europeos destacados, unha medida anunciada polo secretario de Estado, Marco Rubio, baixo a acusación de teren participado en prácticas de censura en liña contra cidadáns estadounidenses. As persoas afectadas rexeitan esas acusacións e cualifican a decisión de represiva.
O veto supón unha escalada significativa no conflito entre Washington e as iniciativas europeas para supervisar os contidos en grandes plataformas dixitais, entre elas X, propiedade de Elon Musk, así como Facebook e Instagram, pertencentes a Meta.
Entre os sancionados atópase Thierry Breton, excomisario europeo que ironizou preguntándose se «volveu a caza de bruxas de McCarthy», a quen a subsecretaria de Estado para a diplomacia pública, Sarah B. Rogers, sinalou como cerebro da Lei de Servizos Dixitais (DSA), a normativa comunitaria destinada a controlar a difusión de contidos nocivos ou manipuladores na Rede. A Unión Europea impuxo este mes a primeira sanción ao abeiro desa lei, cunha multa de 120 millóns de euros a X por prácticas que, segundo Bruxelas, enganaban aos usuarios, ocultaban información aos anunciantes e impedían o acceso dos investigadores a datos internos, e non por negarse a censurar contidos, como sostivo Elon Musk ao amosar a súa disconformidade coa sanción.
O resto das persoas vetadas son investigadores e directivos vinculados a organizacións europeas non gobernamentais e apartidarias que traballan contra a desinformación e o discurso de odio. Rubio afirmou que estes perfís «lideraron esforzos organizados para coaccionar plataformas estadounidenses a censurar, desmonetizar e suprimir puntos de vista americanos que non comparten». Segundo o secretario de Estado, trátase de «activistas radicais e ONG instrumentalizadas» que promoveron medidas de censura por parte de gobernos estranxeiros.
Desde o regreso de Trump á Casa Branca en xaneiro, a súa Administración intensificou os ataques contra as políticas de loita contra a desinformación, mediante ordes executivas, o desmantelamento de departamentos federais e a retirada de fondos a investigacións relacionadas con este ámbito.
Rubio amparou a medida na Lei de Inmigración e Nacionalidade, que permite denegar a entrada a persoas cuxa presenza poida ter «consecuencias adversas potencialmente graves para a política exterior dos Estados Unidos». Entre os afectados figura tamén Imran Ahmed, director executivo do Center for Countering Digital Hate, organización que documentou un aumento do discurso de odio en Twitter tras a compra da plataforma por Musk. O empresario demandou a entidade en 2023, pero a causa foi arquivada ao considerarse unha vulneración da liberdade de expresión.
Segundo explicou Sarah B. Rogers en publicacións en X, completan a listaxe Clare Melford, responsable do Global Disinformation Index, e Anna-Lena von Hodenberg e Josephine Ballon, dirixentes de HateAid, con sede en Alemaña. Ballon fora citada por declarar nunha entrevista televisiva que «a liberdade de expresión precisa límites».
