Economía e Industria reforza a formación dos consumidores no eido das compras en liña

luns, 9 de novembro do 2009 Raquel Noya

A Escola Galega de Consumo, adscrita á Consellería de Economía e Industria, vén de presentar a súa programación anual, que acorde cos novos tempos e modos de consumo, reforza desta volta as actividades orientadas á formación dos consumidores no eido do uso das novas tecnoloxías e as compras por Internet, destacando a presentación dun simulador de contratación e compra a través da Rede.
A formación que oferta a Escola Galega de Consumo este ano impártese cunha metodoloxía dinámica que abrangue actividades lúdicas orientadas ao aprendizaxe de diversas competencias para que os consumidores sexan quen de asumir e resolver situacións cotiás, entre as que destacan as compras en liña a través de Internet.
As instalacións da Escola están axeitadas para poder levar a cabo actividades de aprendizaxe en consumo ante situacións reais como facer a compra no supermercado ou por Internet, poñer unha reclamación ou grabar un anuncio publicitario. Ademais, na EGC estase a desenvolver un simulador de compra pioneiro en España, co que vai ser posible reproducir diferentes comportamentos dos consumidores fronte a este tipo de situacións, coa presentación de exemplos das situacións cotiás e as problemáticas coas que se poden atopar os usuarios.
Este simulador de compras é unha ferramenta dirixida á formación en comercio electrónico, cun sistema que simula unha tenda virtual e unha zona de administración para configurar o sistema, e ter un control sobre as accións dos usuarios. Ademais, a tenda virtual engádenselle outros módulos como o de correo electrónico, o portal bancario e o servizo de atención telefónica, para simular un contorno o máis real posible no eido do comercio electrónico, ca finalidade de que os participantes nestas actividades poidan coñecer as formas máis axeitadas de actuación neste tipo de contratacións. A esta ferramenta, se engadirá, en breve, unha tenda de contratación de viaxes por ser este o servizo de compra en-liña máis utilizado polos usuarios.

PUBLICIDADE