Elogia fai medrar a comunidade dixital arredor de Turismo de Galicia e o Camiño Xacobeo

xoves, 16 de novembro do 2017 Redacción

A axencia dixital Elogia, que conta con sede de seu en Vigo e un amplo equipo de profesionais galegos na súa equipa, é a gañadora do concurso para a xestión da comunicación dixital de Turismo de Galicia, órgano dependente da Xunta de Galicia e, como lembraremos, responsábel da actividade autonómica relacionada co sector turístico, incluíndo unha manchea de campañas multiformato para dar a coñecer no mundo os atractivos da nosa terra. Precisamente, o obxectivo do concurso co que vén de facerse Elogia é “dar a coñecer en Internet e nas redes sociais a campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia”, co fin de manter “a sensibilización da poboación galega, nacional e internacional”, así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia”. Segundo nos contan dende Elogia, a axencia está a encargarse xa da estratexia global de comunicación nas redes sociais de Turismo de Galicia e Camiño Xacobeo (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube) así como do blog da entidade.
Entre as accións principais destacan a xestión diaria das redes sociais, a creación dunha liña editorial propia con brandeado de imaxes e vídeo, o envío de boletíns informativos mensuais e a cobertura dos principais fitos do calendario que atinxan o turismo, entre outras actividades.
Facendo un algo de reconto, Elogia informa que en só tres meses dende a posta en marcha desta liña de traballo, xa se lograron máis de 3.200 novos seareiros en Facebook e máis de 1.700 seguidores en Instagram de Turismo de Galicia, así como máis de 750 fans no Facebook do Camiño Xacobeo e un aumento do 50% de seguidores en Instagram. Ademais, o aumento do engagement (fidelidade) respecto ao primeiro mes desde o inicio da estratexia é do 45%. Elogia, seguindo este fío, tamén salienta a través da creación do vídeo para o Camiño Xacobeo abranguéronse xa máis de 100.000 persoas, máis de 30.000 reproducións, máis de 3.000 reaccións e máis de 5.700 clics.
Ao respecto de todas estas cifras (e das que están por chegar), Xosé Manuel Merelles, xefe da área de Comunicación de Turismo de Galicia declara que “a área de Comunicación de Turismo de Galicia está satisfeita cos resultados do traballo de Elogia nas redes sociais da axencia ao longo do verán e o que vai de outono”. Tamén salienta o incremento da conversa nas nosas redes e o uso homoxéneo de todas as contas.

PUBLICIDADE