Emprendedores de Coworking Dixital CCompostela resolven con éxito tres retos empresariais para CLUN e Espina & Delfín
luns, 3 de xullo do 2023
O
programa de formación do Coworking Dixital CCompostela, financiado
nun 80% polos fondos europeos FEDER que xestiona a Fundación INCYDE
e nun 20% pola Deputación da Coruña, organizou as xornadas
Innovación Aberta e Cocreación nas que 16
emprendedores, novas firmas innovadoras (startups) e pemes
deseñaron solucións innovadoras a tres retos propostos polas
empresas CLUN e Espina & Delfín, co obxectivo de resolver
necesidades reais destas compañías.
Jessica
Rey, directora de Mercadotecnia e Comunicación de CLUN lanzou como
reto o deseño dunha estratexia innovadora para incrementar a
visibilidade da marca CLESA na área de Madrid. Os participantes
deseñaron unha estratexia sustentada na valorización das raíces da
marca a través do deseño dunha nova iconografía, a personalización
da embalaxe/presentación, a creación de personaxes e a
mercadotecnia de influencers para aumentar a conexión cos
consumidores.
Pola
súa banda, Iago Isasi, enxeñeiro responsábel de dixitalización de
Espina & Delfín, presentou como reto a posibilidade de acceder a
un repositorio na nube sen credenciais e desde dispositivos móbiles
e resolveuse coa proposta dun sistema de ligazóns e códigos QR a
información automatizada na nube.
O
outro reto preguntaba como valorizar os fluxos de augas agresivas
(que poden reaccionar con certos materiais e causar fisuras) en
instalacións de depuración para xerar enerxía. Os participantes
idearon un redeseño da planta para aproveitar un maior fluxo de auga
e un sistema de tubaxes para xerar enerxía a través de turbinas,
sen contacto coas augas corrosivas.
Próximas
xornadas formativas
A
formación do Coworking Dixital CCompostela continúa en xullo con
catro xornadas online para as que permanece aberta a
inscrición na
web do centro.
A
xornada CRM: A Ferramenta Clave para Impulsar as
túas Vendas explorará os conceptos clave do CRM e como
implementalo para optimizar as relacións empresariais e mellorar a
satisfacción do cliente. A formación O Roadmap da transformación
dixital abordará o emprego desta ferramenta como un punto de
partida para que as empresas avancen na súa transformación dixital,
identificando os seus puntos críticos e deseñando os pasos a seguir
para pór en práctica a dixitalización nas distintas áreas dos
seus negocios.
Na
sesión Deseña a túa MPV (Produto Mínimo Viábel)
dixital con Agile as persoas participantes coñecerán en
profundidade as metodoloxías áxiles. “Isto”, explican dende
Coworking Dixital CCompostela, “axudará ás empresas a desenvolver
produtos dixitais de maneira máis eficiente e respondendo de maneira
rápida as necesidades dos usuarios, maximizando as posibilidades de
éxito comercial”.
O
programa completarase coa formación A Proposta de Valor no
emprendimiento tecnolóxico-dixital enfocada a que un proxecto
empresarial conecte co que realmente necesita o usuario, co apoio da
tecnoloxía e a través da metodoloxía Design Thinking e a
ferramenta gráfica Canvas.
O
programa conta con expertos con ampla experiencia en cada área.
-Estela
Lareo Fernández, profesional dedicada ao ámbito do CRM e as vendas.
É directora executiva de Ideas Positivas Group, unha consultora
tecnolóxica especializada na transformación empresarial. Conta
cunha ampla traxectoria nos eidos da mercadotecnia, as vendas e a
xestión comercial. Ocupou postos de dirección e consultoría en
empresas como DIN - Documentación e Imaxe do Noroeste, EULEN
Flexiplán e Ader Recursos Humanos.
-Pablo
López, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola
Universidade da Coruña. Mestrado executivo en Dirección e
Administración de Empresas pola Universidade Pontificia de Comillas
mestrado en asesoramento fiscal pola CEF. Certificado en coaching
individual e de equipos coa International Coach Community. Durante
máis de 10 anos creou e xestionou un grupo de empresas de
consultoría con máis de 90 persoas.
-Jesús
Tapia, profesional con ampla experiencia internacional na industria
de servizos de mobilidade e nos ecosistemas de innovación e
startups. Responsábel de ISDI Accelerator e especialista na
xestión da innovación, a análise de datos, as metodoloxías áxiles
e o liderado de equipos. É mentor en Oxford Entrepreneurs e no
programa de emprendedores da Universidade colombiana EAFIT.