As 14 startups de ViaGalicia VII presentan os seus proxectos ante investidores internacionais
venres, 10 de maio do 2024
As 14 startups da 7.ª edición de ViaGalicia presentaron este 9 de maio os seus innovadores proxectos e defendido a súa viabilidade e proxección de futuro ante un recoñecido panel de investidores, fondos de investimento e potenciais socios industriais nacionais e internacionais, no Investor´s Day celebrado esta tarde na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, foi o encargado de dar a benvida ás firmas participantes e aos investidores. Estivo acompañado pola directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Fernández Liz.
Como novidade, o Investor´s Day celebrouse este ano no marco do congreso The Way Startup Summit, en cuxa apertura institucional participou este xoves o propio Regades, quen salientou que “a contorna que constitúe este evento, coa presenza dos principais axentes do ecosistema galego, así como dun importante grupo de investidores, crea as mellores condicións para crear sinerxías con ViaGalicia”.
O Investor´s Day constitúe o acto de peche do programa de aceleración e pon o broche final aos doce meses de formación e asesoramento dos proxectos participantes nesta sétima edición.
No evento celebrado na tarde deste xoves, as startups deron a coñecer os seus innovadores modelos de negocio e defendido os seus proxectos no que supón a súa posta de longo ante investidores e representantes de fondos de investimento reais.
As novas firmas innovadoras da 7.ª edición
-Ara de Rey. Unha proposta baseada na elaboración de pezas únicas, deseñadas e confeccionadas desde cero integramente en Galicia. A súa peza estrela é a Bullina, unha chaqueta que se caracteriza pola súa inspiración española clásica que combina técnicas vangardistas e de alta costura. Zoe Rey, CEO e fundadora, presentou o proxecto no Investor´s Day.
-BeFlamboyant. Deseñan e fabrican calzado vegano, sostíbel, de comercio xusto e unisex, á vez que crean conciencia do impacto que xera a pegada do ser humano no medio ambiente. Utilizan o millo, a piña, a uva ou a mazá para os seus deseños. A encargada de presentar o proxecto foi Tatiana González, co-fundadora.
-Breiko Breiko. Unha aplicación na que se recolle información útil e actualizada sobre incidencias da rede de estradas, autovías, autoestradas e vías rápidas de España; ademais de acceso a gasolineiras coas súas cotizacións diarias e puntos de interese, valorados por outros transportistas. O encargado de presentar a proposta innovadora foi David F. Veloso, COO e co-fundador.
-ByRoomNumber. Desenvolveu unha solución de check-in en lña para hostalaría premium que permite ao hóspede seleccionar a habitación exacta na que se vai a aloxar no momento de realizar a reserva. O encargado de presentar a proposta innovadora foi Diego Castro, CPO da compañía.
-Cuotalis. Unha aplicación web que automatiza e dá maior solidez xurídica aos procesos de reclamacións de débedas de comunidades de propietarios. O encargado de presentar o proxecto foi Abraham Tenoira, CEO e cofundador.
-Festigaleiros. Unha plataforma que promociona e integra toda a información de mercados, feiras, festivais e festas de Galicia de forma completa, actualizada, xeolocalizada e personalizada; ademais dunha comunidade na que ter un usuario, buscar por preferencias e estar informado das novidades relativas coa cultura popular galega e o seu patrimonio inmaterial. A encargada de presentar o proxecto foi Vanesa Rivas, CEO e fundadora.
-GoTrucki. Unha APP dirixida a profesionais do transporte, tanto para autónomos como para traballadores por conta allea, que exerce de mercado para a negociación e contratación entre usuarios-condutores co obxectivo de evitar paradas obrigatorias. A proposta foi defendida ante os investidores por Álvaro Baena, CEO e fundador.
-Minimelis. Firma centrada na fabricación en Galicia de lambonadas con vitaminas, probióticos, minerais, melatonina, sen azucre e veganas, que se distribúen a través de diferentes canles, ademais do tradicional. Jorge Núñez, CEO e fundador; e Mercedes Toscano, CMO e fundadora; foron os encargados de presentar o proxecto.
-Neutron Insights. Unha solución innovadora de tomografía industrial por emisión de neutróns. Con esta tecnoloxía foron capaces de ampliar a capacidade de análise de materiais e examinar a súa composición química, o que lles permite, entre outras aplicacións, detectar fallas en infraestruturas metálicas sen necesidade de técnicas invasivas. A proposta da startup foi presentada por Pablo Cabanelas, CKO e co-fundador.
-ODS Protein. Unha revolucionaria proposta para producir proteínas a partir de fermentación de fungos, convertendo residuos da industria alimentaria en novas fontes de ingredientes para o consumo humano. Constituíuse en 2021 cun equipo liderado por Iria Varela, que presentou o seu proxecto ante os investidores, e xa cultivou diferentes premios con este proxecto como Empowering Women in Agrifood (EWA) 2022 España, Top 100 Novos Talentos Gastronómicos 2022 do Basque Culinary Center, ou Mellor Iniciativa Empresarial por AJE Vigo 2022, que lles brindou aloxamento no Viveiro de Empresas de Porto do Molle da Zona Franca de Vigo.
-Soul Auto. É a primeira plataforma española na Internet de referencia de compra-venda de coches especiais mediante poxas. Marcos Jorge, co-fundador da startup, foi o encargado de realizar a presentación do proxecto.
-Suite ACRE. A plataforma Acre que facilita a xestión do espazo aéreo de UAVs en emerxencias. No Top 100 de Mellores Startups da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) 2024. Presentou o proxecto no Investor´s Day Rubén Gil, CEO e fundador de Suite ACRE.
-Vancubic. A súa proposta de valor transforma furgonetas en auténticas casas móbiles, pero cunha forma moi orixinal de facelo. Vancubic ofrece módulos sinxelos e rápidos de montar e desmontar, de modo que calquera persoa que teña unha furgoneta de traballo pode convertela nunha casa con rodas en menos dunha hora. Jordán Díaz, CEO e co-fundador, realizou a presentación do proxecto.
-Vanetta. Esta startup está aposta por un modelo innovador no ámbito da alimentación, un proxecto de carne vegana, que non só busca alternativas aos sabores tradicionais, senón que quere provocar un impacto real na sociedade. En ViaGalicia avanzaron na industrialización dos seus procesos e recentemente obtiveron o Premio AJE á Mellor Iniciativa Emprendedora. Águeda Ubeira, CEO e co-fundadora de Vanetta, foi a encargada de presentar a súa innovadora proposta.
Balance de ViaGalicia
ViaGalicia é unha acelerador pública impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerábeis e investíbeis que diversifiquen o tecido empresarial en Galicia, modernizar e dinamicen sectores estratéxicos e cren emprego cualificado.
Este programa axuda ás startups na validación, posta en marcha, financiamento e consolidación dos seus proxectos. Todo iso a través dun programa de 12 meses de duración que combina, baixo a supervisión dun equipo de expertos, obadoiros, asesoramento, mentoring, espazo de traballo en coworking e financiamento.
Desde 2014 completáronse 7 edicións de ViaGalicia, nas que se analizaron máis de 1.500 propostas presentadas e axudado a definir o seu modelo de negocio a máis de 200 proxectos empresariais.
En total creáronse 93 novas empresas que, tras a súa participación en ViaGalicia, recibiron máis de 10 millóns de euros de financiamento directo no programa. Delas, un 63% permanecen activas, superando os 45 millóns de facturación no último ano e pechando roldas de financiamento por valor de 60 millóns de euros. ViaGalicia contribuíu á creación de máis de 500 novos empregos.