A Deputación de Pontevedra impulsa un asistente conversacional intelixente na web de Turismo Rías Baixas
venres, 10 de maio do 2024
A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para contratar a posta en marcha dunha plataforma semántica e asistente conversacional por valor de preto de 220.000 euros.
Esta actuación, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, enmárcase no proxecto Tourist Inside II, financiado con fondos europeos, co que a institución busca transformar a provincia como Destino Turístico Intelixente. “O mundo está evolucionando moi rapidamente e non queremos quedar atrás. Por iso, con esta iniciativa imos sumarnos ás vangardas, ás novas tecnoloxías, e introducir a Intelixencia Artificial na xestión do turismo”, asegurou López.
A través desta iniciativa dotarase á web de Turismo Ría Baixas dun asistente conversacional, os coñecidos como chabots intelixentes, que, segundo fixo saber o presidente, “aproveitará os fluxos de datos e proporcionará ás persoas usuarias información de interese para dar resposta ás súas preguntas”.
López engadiu que o proceso que se pon en marcha con este contrato incluirá “a creación dunha plataforma semántica, é dicir, unha estrutura que almacene, xestione e analice os datos, sincronizándose á vez coa información existente, para poder interpretar a información e dar, así, resposta ás demandas dos viaxeiros, logrando un turismo máis personalizado e diferenciador”.