En maio poderiamos ter unha Xbox One S sen lector de discos

mércores, 6 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Dende hai meses coméntase que Microsoft está a traballar nunha versión da Xbox One S sen lector de discos Blu-ray, o que podería chegar a reducir o prezo da consola até en 100 dólares, conseguindo así unha máquina moi económica, centrada nos xogos descargables e a servizos como Xbox Game Pass, o que podería ser un adeus aos soportes físicos que resultaría pouco traumático para a meirande parte dos usuarios, coa excepción dos xogadores afeitos a intercambiar xogos cos amigos ou a recorrer ao mercado de segundo man.
Aínda que este movemento por parte de Microsoft pode resultar arriscado, xa que o rexeitamento das tendas físicas parece inevitable (como aconteceu no seu día coa PSPgo), hai informacións que apuntan a que a consola sen disco estaría moi preto de ver a luz, de xeito que a mediados de abril abriríanse as reservas para facerse coa Xbox One S All-Digital Edition, que chegaría ao mercado a primeiros de maio. Incluso confían en que este lanzamento sexa practicamente global.
O feito de que tamén estea no forno un servizo de streaming de videoxogos por parte de Microsoft (Project xCloud) fai que as consolas sen lector de discos sexa un produto con cada vez máis sentido e, aínda que non estea dirixido para todos os consumidores, en moitos casos será unha opción moi práctica, por resultar máis económica e ofrecer tamén un mellor deseño (prescindir do lector de discos reduce o tamaño, o consumo e o ruído da máquina).

JPEG - 72.9 KB
A Xbox One S ten como punto forte un lector de discos Blu-ray 4K, pero este formato tivo pouco éxito comercial, polo que prescindir dos discos ten cada vez máis sentido

PUBLICIDADE