En marzo celebrarase na Rede a I feira virtual do libro
mércores, 15 de febreiro do 2012
Ao máis puro estilo das películas de ciencia ficción, do vindeiro 6 ao 11 de marzo, poderemos introducirnos de xeito paralelo nas casetas da I Feira Virtual do Libro que se celebra en Internet, un evento en liña de alcance mundial impulsado pola web de edición de libros Bubok.
Trátase dunha feira en liña que se traslada á Rede con tódolos elementos dunha feira tradicional do libro, onde se poderán manexar obras, entrar en stands, interactuar co persoal das casetas, falar con escritores ou editores... mais iso si, botando man das novas tecnoloxías como o chat ou a videoconferencia.
O evento vai dirixido principalmente aos lectores, autores e editoriais de España e Latinoamérica e ten por obxecto darlle pulo á industria do libro electrónico e os contidos dixitais legais, sen deixar de lado, iso si, os libros tradicionais en papel.
As persoas interesadas en asistir poderán facelo de balde, e tan só precisarán rexistrarse previamente se desexan participar nas actividades que requiran interacción, como os chats, as video presentacións, os obradoiros, deixar os datos persoais nos stands... se o que queren é “pasear” pola feira non precisarán rexistrarse.
Como se dunha feira do libro física se tratase, os visitantes poderán coñecer as novidades do sector, conversar co persoal dos stands, asistir a coloquios e obradoiros, participar en videoconferencias con escritores... e todo sen ter que desprazarse ata alí, comodamente dende o fogar e sen sufrir as aglomeracións propias destes eventos.
Planeta, Santillana, Vicens Vives o Editext, son algunhas das editoriais con máis sona que xa confirmaron a súa presenza na feira, porén a organización non descarta a inscrición de máis expositores, “dada a importancia das vantaxes económicas dun evento deste tipo”.
Tamén contarán cun stand de seu na Feira as firmas, 24Symbols, Entrelectores, Safe Creative, Libranda, Publicon, Popular Libros, Libux, Digital Books, LBK Multimedia, Bubok, IMASTE, Cálamo & Cran, Círculo Rojo ou Anatomía de Red, entre outros, así como asociacións como a que xestiona os dereitos de propiedade intelectual dos autores e editores españois (CEDRO) e a Confederación Española de Libreiros (CEGAL).
O programa recolle unha videoconferencia diaria con escritores e profesionais do sector, que se poderán seguir en tempo real e cos que se poderá conversar a través dun chat.
Algúns dos participantes confirmados son os autores de best sellers, Juan Gómez-Jurado (coñecido como o Ken Follet español) e Manel Loureiro (coñedido como o Stephen King español). Tamén o editor, filólogo e consultor de contidos dixitais Silvano Gozzer e o consultor experto no mercado del libro electrónico Javier Celaya, entre outros.
A presentación do proxecto piloto desta Feira tivo lugar en FICOD no pasado mes de novembro, onde o escritor Noah Gordon, mostrou a potencia desta plataforma, desenvolvida en 3D, dende a súa casa en Boston.
