Este mércores Betabeers Galicia amosa interesantes proxectos na Coruña

luns, 6 de abril do 2015 Marcus Fernández

A serie de encontros para programadores web e de aplicacións móbiles Betabeers Galicia chegará o vindeiro mércores ás súas edición nº 18, desenvolvéndose desta volta na sede do espazo de coworking WeKCo na Avda. Novo Mesoiro da Coruña, de 20:00 a 21:00 horas, destacando nesta ocasión que a charla técnica principal da xornada por vir acompañada por unha oferta de traballo da empresa do seu relator, que está a busca de Administrador de Sistemas.
Este relatorio de Ángel Maldonado, director xeral de Colbenson, compañía que está detrás da plataforma EmpathyBroker (empregada por tendas en liña como Hoalen.com, Mango.com, 24Symbols.com ou Adore Me para que os clientes atopen e descubran produtos en calquera idioma) exporá os compoñentes humanos, organizativos e tecnolóxicos dun xeito peculiar de facer software dende Galicia para o Mundo, para o que parte dun suxestivo título: 9 mulleres non dan a luz nun mes. Construíndo software organicamente.


Exemplo de uso de EmpathyBroker na tenda en liña de Adolfo Domínguez
Como é habitual neste tipo de encontros, aproveitarase para expor un par de proxectos galegos que poden resultar de grande interese, de aí que os que acudan a esta cita poidan coñecer dúas propostas bastante orixinais: Melodius e SIGEB. Melodius será o proxecto presentado por Marcos López, co fundador e responsable legal desta plataforma sen arela de lucro que conecta a artistas e músicos con compradores de todo o mundo mediante o uso de moedas virtuais, o que resulta nun novo modelo revolucionario para a industria musical, dando lugar ao primeiro mercado do sector totalmente descentralizado do mundo (#Ntx Marketplace); mentres que SIGEB é un Sistema de Xestión de Equipos de Baloncesto presentado por José Alonso García, co fundador de neteleven, sistema que permite realizar scoutings en tempo real, tanto do propio equipo de baloncesto para corrixir erros como de equipos rivais para preparar os partidos.
Lembramos que por limitacións de aforo é preciso inscribirse previamente para poder participar no XVIII Betabeers Galicia.


Vídeo promocional de Melodius