Este venres inaugúrase unha nova edición da festa informática FIC OnLan

xoves, 3 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acolle os vindeiros días, dende este venres até o martes 8 de marzo, a edición 2011 da xuntanza informática FIC OnLan, unha festa para a mocidade en liña encamiñada a fomentar xeitos racionais de lecer en liña, a amizade, a comunicación e o intercambio de coñecemento e habilidades. O encontro, que ten un aforo de 250 prazas, está organizado polo colectivo Freak´s Party, un colectivo integrado por alumnas e alumnos da dita Facultade e que conta xa cunha completa experiencia organizando relatorios de carácter cultural e tecnolóxico.
FIC OnLan, que xurdiu co reto de promover a cultura e o bo uso das novas tecnoloxías, incluirá todo tipo de actividades: relatorios, certames, torneos e mesmo obradoiros creativos. Asemade, informa a Universidade da Coruña, dará acubillo durante a súa celebración a numerosos concursos arredor das cuestións que máis interese espertan a día de hoxe entre a mocidade internauta, tanto para o seu coñecemento persoal como no que atinxe ao mercado de traballo que lles agarda: programación, deseño en 3D ou seguridade informática. A xuntanza está aberta tódalas persoas que teñen interese por afondar no que saben do eido dixital e de todo o que supón para o fluxo de datos, o lecer e o noso xeito de dialogar. O único que se pide é que quen participa sexa maior de 18 anos ou de 16 sempre e cando teña autorización tutelar.
O aforo deste evento é, como dixemos, de 250 prazas e os interesados poderán conseguir máis información sobre o programa e métodos de inscrición na páxina web do evento ou enviando un correo electrónico á súa organización.

O segredo das LAN parties

FIC OnLan é por dereito propio unha lan party e, como tal, é unha xuntanza de lecer e de coñecemento. Ou sexa, que non estamos perante unha festa ao uso, con música a todo volume saíndo dos altofalantes, senón dunha concentración de amigos da tecnoloxía e a informática dispostos a compartir durante unhas datas determinadas as súas experiencias e traballos, promovendo dende o comezo da xuntanza o compañeirismo e a diversión no seu formato máis saudable.
A festa coruñesa da que estamos a falar está organizada pola Asociación Freak´s Party na Facultade de Informática da Coruña. O obxectivo é promover a cultura e a afección ás novas tecnoloxías. O colectivo organizador é unha entidade de alumnos da Facultade de Informática da Coruña que encamiñan o seu labor á realización e organización de todo tipo de actividades culturais e tecnolóxicas de divulgación; “empregando a party FIC OnLan”, comentan, “como palestra para novos eventos e relatorios, así como a FIC onWeb como plataforma para o desenvolvemento de novas ideas e dunha comunidade dedicada á aprendizaxe e a cultura tecnolóxicas”. Asemade, na súa axenda tamén teñen a FIC OnDev, un evento dirixido á captación e promoción de novos talentos.

PUBLICIDADE