Máis de 300 mozos participan na X edición da FIRST LEGO League Galicia

venres, 1 de marzo do 2024 Redacción

O Campus Industrial de Ferrol acolle este sábado, entre as 09:00 e as 18:00, a décima edición da FIRST LEGO League Galicia, un campionato no que participan un total de 43 equipos (25 na categoría FLL Challenge, 16 na FLL Explore e 2 na FLL Discover) e máis de 300 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
As presentacións dos Proxecto de Innovación terán lugar na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, o Xogo do Robot no Pavillón de Esteiro, e a entrega de premios, prevista para as 16:00, no Auditorio Municipal.
Ao longo da xornada, achegaranse ata o Campus Industrial de Ferrol e ata o Auditorio Municipal o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez; a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Patricia Busto; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Julio García Cordoné; o presidente de Ingenier@Soy, Javier Butragueño; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz; o representante de Gabadi, José Luis Manso; a responsable de Marketing de PuntoGal, Cristina Ríos; ou a alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro; entre outras autoridades.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gadis, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.

PUBLICIDADE