Este xoves abre as súa portas en Ferrol a sétima edición da Xuntanza Tecnolóxica
mércores, 6 de abril do 2011
A Escola Universitaria Politécnica do Campus de Ferrol acolle a
partir de maña (ata o venres 8 de abril) unha xuntanza encamiñada a fomentar o
contacto entre as empresas tecnolóxicas que operan na nosa terra e a comunidade
estudantil. Estamos a falar da Xuntanza
Tecnolóxica, que chega á súa sétima edición e que vén da man dos alumnos da
Escola Universitaria (organizadores do evento) coa colaboración da dirección
deste centro e diferentes departamentos da Universidade da Coruña. O foro abrirá
as súas portas ás 9.30 horas, dando acubillo a un acto de inauguración que
contará coa presenza do reitor da UDC, José María Barja, o alcade de Ferrol,
Vicente Irisarri, o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, o director da
dita Escola, Manuel Graña, o director de Navantia Fene-Ferrol, Esteba García, o decano da delegación de Ferrol de Coeticor,
Olegario Míguez, e a representante da organización da Xuntanza, a estudante
María Rodríguez.
O encontro, que contará co apoio de compañías de primeira liña do
ámbito tecnolóxico (Bosch, Endesa, Schneider, Siemens, Sodeca, ABB, etc),
diríxese pois a fomentar unha comunicación o máis directa posible entre
empresas e estudantes, levándose a cabo procuras previas das compañías máis
susceptibles de achegar formación innovadora e contratación futura.
“O que queremos lograr”, informan os organizadores da xuntanza “é
que os alumnos e as empresas do sector industrial e naval poidan ter uns
coñecementos actualizados e de calidade grazas a estes días de relación, no que
non só nos formamos os alumnos, senón tamén as empresas que acoden ás
conferencias unhas das outras”.
Este ano contarase cun bo número de apoios empresariais. Ás multinacionais
devanditas cómpre engadir a participación este ano, por vez primeira de Red
Eléctrica de España, Kuka Robotics, LCI Sistemas e ARA Solutions, entre outras.
Un dos obxectivos deste encontro, precisamente, é tirar o máximo proveito da
experiencia destas empresas para reforzar a formación dos estudantes que
participen na xuntanza, a través de cursos e de relatorios (incluíndose, por
certo, un debate sobre a enerxía nuclear e as consecuencias, que podemos ver
estes días na catástrofe de Xapón), e tamén mediante as presentacións que se
desenvolvan nos stands.
