Estrean nos EE.UU. un cómic exclusivo para móbiles

luns, 10 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A empresa norteamericana uClick anunciou o lanzamento de Thunder Road, o que consideran que é o primeiro cómic feito exclusivamente para móbiles (o que esquece que as tiras cómicas vía WAP existen dende hai varios anos) e pretende valerse dos novos terminais multimedia para achegar esta obra do autor Sean Demory, quen terá que facer fronte ó desafío de narrar na pequena pantalla dos terminais de telefonía (especialmente limitada para o texto).
Con esta estrea estase a ver que o interese de tirar proveito dos comics nos novos soportes resulta moi atractivo para unha industria suxeita tradicionalmente a unha limitada distribución.
No Xapón xa levan moito tempo comercializando tebeos en formatos electrónicos, pero con Thunder Road o mercado norteamericano abriría unha nova canle de comercialización de comics, que mesmo podería supor unha oportunidade para novos autores.
A nova publicación achégase ó móbil a través do GoComics Mobile Comic Book Reader, que xa permitía ler tiras de prensa clásicas (coma Garfield) e obras actuais adaptadas (coma Bone) pero Thunder Road sería a primeira obra orixinal en estrearse neste soporte.