Estremadura e Galicia están á cola da banda larga en España

mércores, 17 de abril do 2019 Marcus Fernández

O Ministerio de Economía e Empresa publicou a edición anual do informe Cobertura de Banda Larga en España correspondente a 2018, con datos actualizados a 30 de xuño de 2018 e que permite facer un seguimento interanual da evolución do despregamento da banda larga no Estado, reflectindo un crecemento de 5 puntos na cobertura das conexións de 100 Mbps, que chega xa ao 81% dos españois, mentres que a cobertura de 30 Mbps está dispoñible xa para o 85% da poboación.
Para 2020 estiman que o 88,7% da poboación española terá cobertura de velocidades superiores a 100 Mbps, á vez que a través de 4G será posible que o 98% da poboación poida acceder á Rede a velocidades superiores a 30 Mbps. Xa para 2021 confían en que a cobertura de máis de 100 Mbps chegue ao 93,45% e a cobertura do 4G chegue xa ao 99,5% da poboación.
O informe salienta o bo ritmo de crecemento da cobertura de redes de fibra óptica, detallando que España conta coa rede FTTH máis extensa de Europa con máis de 43 millóns de accesos, pero cando entre a analizar os datos por comunidades autónomas levamos unha moi mala nova, xa que sitúan a Galicia no penúltimo posto do Estado en cobertura de conexións maiores ou iguais aos 100 Mbps co 61,5%, só por detrás de Estremadura (co 55,6%). Pero esta información é aínda peor se atendemos ás previsións para 2020, xa que Estremadura medraría até o 81,2% de cobertura mentres que Galicia quedaría no 72,7%, ou sexa, que pasariamos ao último posto de España en cobertura de redes de 100 Mbps e superiores, a 16 puntos porcentuais de distancia da media española.
En contraste estímase que o 100% de Melilla conta con conexións de máis de 100 Mbps, e que a Comunidade de Madrid pasará do 97,1% ao 99,3% de cobertura, seguida polo País Vasco, que pasaría do 94,3% ao 95,7%.

Datos do informe por comunidades autónomas

PUBLICIDADE