FEUGA presenta en Santiago o impacto socioeconómico que xerará a apertura do mercado móbil

mércores, 11 de marzo do 2009 Raquel Noya

Baixo o título, Tecnoloxías Móbiles: Apertura e novos modelos de negocio, a Fundación da Innovación Bankinter, en colaboración coa Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), vai organizar, en Santiago de Compostela, unha xornada sobre o impacto das solucións móbiles tanto na sociedade en xeral como no mundo da empresa, que será “mesmo superior ao que tivo Internet hai dez anos”.
Segundo veñen de anunciar os organizadores do acto, todos os expertos coinciden en que a tendencia actual cara a apertura do mercado de mobilidade “se vai traducir no aumento exponencial da innovación en produtos e servizos”, e tamén en que os consumidores “deixarán de usar os seus teléfonos móbiles simplemente para falar ou para enviar SMS, senón tamén para conectarse a Internet, localizar a persoas e produtos segundo a súa ubicación e un inmenso número de novas utilidades máis, que non existen na actualidade”.
Estas son as premisas de partida da xornada que patrocina BIC Galicia que será presentada ás 12:00 horas de mañá xoves na sede de FEUGA, nun evento de entrada gratuíta para todos os asistentes.
As principais conclusións desta última publicación do Future Trenes Forum (FTF), o foro de expertos internacionais da Fundación da Innovación Bankinter, correrá da man de Shahram Nir, director de Estratexia de Nec Europa, multinacional xaponesa fabricante de ordenadores e produtos relacionados con redes e servidores.
Este informe analiza o “rápido desenvolvemento” desta tecnoloxía, así como os cambios fundamentais que se están a producir na sociedade actual e os negocios que se xerarán ao seu redor.
Segundo as súas conclusións, ningunha tecnoloxía coñecida (nin sequera Internet) “se impuxo xamais con tanta rapidez nin evolucionou tanto en tan pouco tempo”.
O seu autor estima, asemade, que o ratio de penetración a nivel mundial “sitúase xa en máis do 60 por cento e que as maiores oportunidaes de negocio estarán nos servizos de localización de móbil e as redes sociais móbiles”.