Facebook explica o rexistro de chamadas e SMS que realizan nalgúns smartphones

luns, 26 de marzo do 2018 Marcus Fernández

O anuncio de Facebook puido verse en medios como The Observer

O escándalo de Cambridge Analytica mantén os seus ecos, e aínda que a campaña de #deletefacebook parece terse quedado nunha política de xestos, a pasada fin de semana Facebook contratou anuncios a toda páxina en distintos xornais entre os que non faltaban os que destaparon a fenda na confianza da plataforma de Facebook, nos que podía verse unha desculpa asinada por Mark Zuckerberg na que cítanse algunhas das medidas que tomarán de cara ao futuro pero continúan sen explicar os motivos que levaron á compañía a manterse pasiva sobre o tema durante anos e incluso a ameazar con tomar medidas legais contra os medios de comunicación que informaron do asunto.

A sincronización de contactos do móbil a través da aplicación de Messenger detallouse en todo momento

Para botar máis leña ao lume, nos últimos días distintos medios comezaron a denunciar que Facebook estaba a gardar rexistros de chamadas telefónicas e mensaxes de texto na súa aplicación móbil, dando conta do que detectaban distintos usuarios, o que sorprendeu que tomase tal magnitude mediática, xa que era algo do que Facebook sempre deu conta e para o que pedía permiso expresamente.

Explicación oficial

A propia compañía sacou un comunicado para deixar claro o asunto, explicando que tanto nas aplicacións de Messenger e Facebook Lite para Android ofrecen a opción de acceder ás mensaxes e chamadas do teléfono como un xeito de axudar a atopar e manter o contacto cos nosos máis achegados. Ou sexa, que en vez de empregar só a información das relacións a través das aplicacións de Facebook, tamén fíxase nas comunicacións a través da rede telefónica para saber con quen nos relacionamos máis, para aproveitar esa información na personalización da experiencia de uso das aplicacións.

Esta funcionalidade é moi visible cando instalamos o Messenger no noso smartphone, cunha advertencia a pantalla completa, na que convídanos a dar permiso á aplicación para acceder aos contactos do móbil, estando na man do usuario elixir se dar ou non autorización, e podendo desactivarse en calquera momento.

Dende Facebook insisten en que esta información colleitada non inclúe os contidos de chamadas e mensaxes, almacénase de xeito seguro e non se vende a terceiros, deixando en todo momento o control ao usuario.

PUBLICIDADE