Fíltranse copias de Donkey Kong Bananza

luns, 14 de xullo do 2025 Marcus Fernández

O vindeiro xoves chega ás tendas o agardadísimo xogo Donkey Kong Bananza, un título que segue a estela dos xogos de Donkey Kong Country, pero elevándoa á altura de Super Mario Odyssey (pois foi desenvolvido polo seu mesmo equipo), converténdose no lanzamento máis importante para Nintendo Switch 2 tras Mario Kart World.
Este xogo de exploración, destrución e plátanos promete converterse en todo un imprescindible para a consola de Nintendo, pero os seareiros deste tipo de xogos que queiran mercalo de lanzamento farían ben en afastarse un pouco de redes sociais durante uns días, pois están a circular numerosas filtracións sobre a historia deste título, por culpa de que algúns xogadores conseguiron facerse co xogo de xeito anticipado, e non están a ser prudentes coas súas publicacións en liña.
O feito de que no xogo, aparte de Donkey Kong tamén estea presente Pauline, disparou os rumores de que posiblemente esteamos ante unha precuela do mencionado Super Mario Odyssey, e tamén se está a comentar con bastante entusiasmo o feito de que xa se estea a traballar nunha película cinematográfica de Donkey Kong que buscaría repetir o éxito do filme de Super Mario Bros.

Vídeo a través do que Nintendo nos permite coñecer o moito que ofrece Donkey Kong Bananza