Final Fantasy VII Remake sae á venda para PS4

luns, 13 de abril do 2020 Marcus Fernández

O pasado venres saíu oficialmente á venda o agardado xogo Final Fantasy VII Remake, que na súa versión dixital para PlayStation 4 puido adquirirse sen incidencias, mentres que na súa versión física atopou problemas en moitos países pois, pese a terse adiantado a súa distribución, os establecementos físicos nos que se vende permanecen pechados, de xeito que só poden concretar as súas reservas os consumidores que pedisen o xogo a través da Internet para a súa entrega a domicilio, o que sen dúbida vai impedir cumprir coas previsións que tiñan os distribuidores locais deste xogo que adapta un xogo de hai 23 anos.
Este remake está a ser bastante polémico, polo feito de que só inclúe a parte da historia ambientada en Midgard, ou sexa, que sería aproximadamente o 15% da historia do xogo orixinal, que aínda que está moi enriquecida e ten unha duración moi elevada, dá a entender que a historia competa podería chegar a ocupar facilmente 5 entregas, aínda que os seus desenvolvedores aínda non decidiron como repartirán a trama nas vindeiras entregas, pois comercialmente recibiríase mellor unha triloxía que máis de 4 partes.
Aínda que este xogo está moi ligado á plataforma PlayStation, un dos vídeos promocionais do mesmo inclúe metraxe capturada nun PC, o que daría a entender que Final Fantasy VII Remake será unha realidade en ordenadores persoais no futuro, aínda que é moi probable que non poida ver a luz até abril de 2021, xa que posiblemente Square Enix teña unha exclusiva temporal asinada con Sony por un ano. Tampouco deberiamos desbotar que vaia existir versión para as consolas de Microsoft.

Vídeo promocional de Final Fantasy VII Remake no que podemos intuír que o xogo contará con versión para PC

PUBLICIDADE