GPUL School organiza unha sesión práctica sobre Proxmox e homelab na FIC

luns, 20 de abril do 2026 Redacción

O vindeiro 22 de abril ás 18:30 horas terá lugar na Aula 2.2 da Facultade de Informática da Coruña unha nova sesión formativa de GPUL School centrada na creación dun homelab desde cero mediante o uso de Proxmox.
A actividade, titulada De cero a homelab: Instalando Proxmox e despregando o teu primeiro servizo, ofrecerá unha introdución práctica a este contorno de virtualización de software libre, co obxectivo de facilitar os primeiros pasos aos asistentes. Durante a charla abordaranse cuestións como a instalación do sistema e o despregue de servizos, con exemplos concretos como Immich.
Ademais, a sesión incluirá unha revisión de distintos escenarios de homelab con varios niveis de complexidade, o que permitirá coñecer diferentes enfoques segundo as necesidades e os recursos dispoñibles.
A formación será impartida por Estevo Aldea, Martín García e Mateo Palmeiro, e forma parte das actividades impulsadas polo grupo GPUL para fomentar a aprendizaxe e o uso de tecnoloxías abertas. Recoméndase aos interesados en asistir que reserven a súa praza a través de Meetup.