GTA V volve a Game Pass
xoves, 3 de abril do 2025
Hai un mes o xogo Grand Theft Auto V recibiu unha actualización de balde na súa versión para PC que achegaba características propias de GTA Online para PS5 e Xbox Series X|S e melloras nos gráficos e nos tempos de carga, e dado que este é un bo incentivo para volver ao xogo mentres se agarda polo lanzamento de Grand Theft Auto VI (previsto para este mesmo ano) dende Microsoft tiveron a ben anunciar que a partir do 15 de abril a versión mellorada de GTA V estará dispoñible para os subscritores do Game Pass para PC.
Os subscritores de Game Pass tamén terán acceso ás versión de consola de GTA V. Cómpre salientar que este título conta con xogo cruzado, polo que non importará que os amigos adquirisen o xogo en Steam ou na tenda de Epic Games para poder botar unha partida en liña todos xuntos.