Galicia consolídase como potencia en software e tecnoloxías libres

xoves, 19 de xullo do 2018 Redacción

Un intre da máis recente edición galega do evento internacional LibreCon

Con bastante frecuencia dise que Galicia non é unha economía na vangarda tecnolóxica, en comparación con outras zonas de España, de Europa ou do mundo. Porén, esta afirmación non é certa se se bota unha ollada ao sector das tecnoloxías libres e, mais concretamente, ao do software libre, no que segundo nos recorda a Asociación Galega de Software Libre (AGASOL), “a nosa terra rompe os esquemas”. Ademais, paseniño pero sen pausa, insiste a entidade, a sociedade e o tecido produtivo van coñecendo máis en detalle o sector do software libre e as súas posibilidades.
Para facernos unha idea, en España, a industria da programación move máis de 35.000 millóns de euros, segundo BSA | The Software Alliance. Desta cantidade, as tecnoloxías libres representan máis de 1.000 millóns segundo diversas estimacións. Por tanto, é un ámbito económico en auxe, sobre todo pola liberdade que dá a cada país para innovar e non depender de terceiros.
Galicia representa máis do 10% do Estado
Máis de 200 empresas están representadas, no ámbito estatal, pola Federación Nacional de Empresas de Software Libre (ASOLIF). Dela tamén forma parte AGASOL, entidade que vela polos intereses das compañías galegas.
Pero que papel ten Galicia no conxunto estatal? Precisamente é unhas das autonomías máis dinámicas no impulso das tecnoloxías abertas e foi a sede do último LibreCon, o maior evento realizado neste ámbito no sur de Europa. AGASOL representa a 23 empresas, máis do 10% do total español, é dicir, superior ao peso da economía galega no Estado. Estas empresas teñen un negocio moi diversificado, que abrangue máis de 40 actividades distintas, desde a creación de diversos tipos de software de xestión ata a optimización de palabras chave en buscadores, pasando pola análise de bases de datos ou os sistemas de virtualización, entre outros moitos.
Actividade en máis de 20 países
Mesmo algunhas compañías galegas teñen traballado para grandes corporacións estranxeiras en complexos proxectos de millóns de euros. Na actualidade, é cada vez máis frecuente a súa proxección internacional, xa que teñen actividade en máis de 20 países. Entre eles, destacan Estados Unidos, Reino Unido, Sudáfrica, Xapón, Corea, gran parte de Latinoamérica e o centro e norte de Europa.
A internacionalización permite que estas compañías, a maioría delas aínda PEME, teñan unha maior solvencia e menor exposición a mercados concretos, o cal tamén garante a súa capacidade para investir en novos proxectos e seguir medrando.
Medio milleiro de traballadores de elevada cualificación fan posíbel un sector que medra a bo ritmo cada ano e que só en Galicia xa factura máis de 20 millóns de euros. Porén, AGASOL lembra que hai aspectos que non se poden cuantificar con cartos, pero que son igualmente relevantes. “É o caso do grande labor innovador que desenvolven estas empresas desde a nosa Comunidade Autónoma”, sinala a entidade, poñendo o foco na relevancia “dunha tecnoloxía que as nosas firmas exportan a outros países, levando a marca Galicia por todo o mundo e atraendo talento que supón unha vantaxe competitiva respecto doutros mercados e competidores”.
Un ecosistema que medra
Ademais das empresas, o sector está formado por un conxunto de entidades sen ánimo de lucro que defenden o uso e consolidación do software (e hardware) libre. Unha delas é a propia AGASOL, que a día de hoxe é a única entidade empresarial que representa ao sector na nosa Comunidade. A Xunta de Galicia tamén impulsa Mancomún, que pretende ser o portal de referencia de todas as iniciativas que se desenvolven no sector en Galicia.
En canto ao resto de asociacións, poden diferenciarse atendendo ao ámbito no que se moven: hardware e software. Entre as de hardware destacan Recuncho Maker, Makers.Lugo e BricoLabs. En software, Ghandalf, Trasno, XeoPesca, Comunidade O Zulo, Galpon, MeLisa e GPUL. Recentemente tamén se creou Aberteo, asociación que promove o uso da cultura e tecnoloxías libres.

PUBLICIDADE