Galicia regulará por lei o uso da intelixencia artificial
xoves, 30 de novembro do 2023
O presidente
Alfonso Rueda anunciou hoxe que o
Consello da Xunta autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto de lei para
o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA), que converterá
«Galicia na primeira rexión europea en regular por lei o uso» desta tecnoloxía. “O obxectivo é garantir
que os sistemas de intelixencia artificial que se utilizan na comunidade son
fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas”, resaltou.
A lei establecerá
os principios éticos para o deseño, adquisición implementación e uso de
sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia,
auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de
nesgos, seguridade ou privacidade.
Entre os
principios éticos reitores, destaca tamén o principio de reserva da humanidade
e de revisión humana, principio de fiabilidade e de responsabilidade e o
principio de avaliación de impacto nas persoas, na sociedade e no ambiente.
Garantirá, así mesmo, os dereitos de liberdade, igualdade e reacción fronte ao
deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia
artificial, así como o exercicio dos dereitos da cidadanía.
Coa tramitación
desta lei, a Xunta avanza no seu compromiso de aprobar entre 2020 e 2024 a
normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías dixitais de
alto impacto, de acordo co obxectivo da Estratexia Galicia Dixital 2030 de
especialización tecnolóxica e atracción de investimentos e talento dixital.
Ademais, tamén
responde, así mesmo, á petición unánime do Parlamento de Galicia para impulsar
as actuacións necesarias para que Administración xeral e do sector público
autonómico de Galicia adopten, como marco de actuación, o establecido polo
Regulamento europeo de intelixencia artificial, previamente á súa entrada en
vigor prevista para o ano 2024, así como o desenvolvemento da normativa
necesaria para a aplicación da IA no sector público autonómico.
Tal e como
explicou o presidente, un dos principais obxectivos da futura normativa é «garantir
o uso eficaz, eficiente, ético e seguro da IA na administración autonómica». A Lei
tamén busca «aproveitar a oportunidade que a IA supón para o tecido
socioeconómico galego».
A proposta que
foi levada hoxe ao Consello para ser remitida ao Consello consultivo pretende
recoller os aspectos normativos da lei en catro apartados (títulos) sobre
gobernanza e planificación, identificación e avaliación, uso da IA polo sector público, e medidas para o impulso da IA en Galicia.
A norma busca
aumentar a confianza da cidadanía nesta tecnoloxía e garantir que os sistemas
de IA sexan fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas.
Ademais, consolida Galicia como un lugar idóneo para o investimento empresarial
no sector da intelixencia artificial.
Ao mesmo tempo,
impulsará a implantación e uso de sistemas de intelixencia artificial seguros,
eficientes e de calidade nas empresas galegas, en particular, nas pemes,
promovendo a súa mellora competitiva.
A redacción da
proposta estará coordinada pola AMTEGA, que promoverá unha comisión de
redacción da que formarán parte a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, a
Secretaría Xeral da Presidencia e a Consellería de Facenda e Administración
Pública, por medio da súa Secretaría Xeral, da Intervención Xeral e da
Dirección Xeral de Simplificación Administrativa. Haberá tamén grupos de
traballo nos cales participarán, entre outros, a Consellería de Economía,
Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación
Profesional e Universidades. Tamén serán tidas en conta as achegas de
profesionais, entre eles os integrantes da Comisión de Expertos para o
Asesoramento no Desenvolvemento e Uso Ético da IA de Galicia, recentemente
constituída.
Está previsto que
o texto poida ser remitido ao Parlamento para a súa tramitación no primeiro
período de sesións de 2024.