GaliciaTIC abre as súas portas cun chamamento da Xunta a prol de abrirmos mercado
xoves, 20 de outubro do 2011
Este xoves 20 de outubro toca falar arreo sobre
novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, sobre o uso que lle damos, e lle podemos
dar, ás novas tecnoloxías como ferramentas para acadarmos máis competitividade
e máis fortaleza nos mercados internacionais. Esta é unha das bases do encontro
GaliciaTIC,
a novena edición, que se está a desenvolver este xoves no Centro Social NovaCaixaGalicia
de Vigo, punto de encontro dun bo número de profesionais TIC da nosa terra,
avaliando ao longo da mañá e da tarde os puntos fortes do noso sector para
facerse con máis mercado. Por certo que o evento foi inaugurado oficialmente
por Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen aproveitou
a cita para lembrar que “Galicia é a
sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC”.
Asemade, recordoulles aos presentes que contamos,
sinalou, “cun tecido empresarial composto
por case 1.800 empresas que ofrecen emprego a preto de 16.000 traballadores”.
Pereira, no transcurso da súa intervención, tamén fixo fincapé nas eivas a
superar polo noso sector e polas propias administracións, que deberán aplicarse
para incrementar certos parámetros no seo do noso eido produtivo TIC, tanto no
que atinxe a número de empregados e ingresos como no que se refire á busca de
novos nichos de actividade fóra do noso país. Neste senso, a secretaria xeral
defendeu unha liña de traballo que consiga “incrementar
o nivel de cooperación dun sector estratéxico da economía galega, polo seu
papel tractor do resto de sectores chave da economía, para contribuír a
mellorar a súa produtividade e competitividade.” Ao seu xuízo, o sector TIC
galego está a apostar polo potencial da
innovación xa que, segundo os últimos datos do OSIMGA no período 2008 – 2010,
case o 26% das empresas desenvolveron actividades de I+D+i investindo máis de
40 millóns de euros. Amais do devandito, incidiu na necesidade “de aproveitar as amplas capacidades coas que
contamos para desenvolver un sector TIC punteiro que exporte tecnoloxía e
coñecemento, un obxectivo ambicioso máis se cabe no actual marco de crise
económica”.
