GaliciaTIC mostra esta semana as oportunidades da nosa terra na revolución dixital

luns, 20 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Esta semana temos unha cita coas novas tecnoloxías en Santiago: unha relevante xuntanza arredor da transformación tecnolóxica das empresas na compaña de centos de profesionais da nosa terra. Estamos a falar da 27 edición de GaliciaTIC. A cita é o 23 de maio e virá, novamente, da man da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e INETEC. Desenvolverase baixo o epígrafe Tendencias tecnolóxicas e oportunidades para Galicia e co obxectivo de superar a cifra de participación acadada na anterior convocatoria, a do ano pasado: 250 profesionais.
O evento inaugurarase cun debate sobre a situación actual e de futuro do sector TIC en Galicia, analizando retos e oportunidades. Esta mesa contará coa participación de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Luis Sestelo, presidente de Ineo; Fernando Vázquez, director executivo e fundador de Imatia; Ramón Ares, director executivo de Ozona e de Miguel Merino, director de GaliciaTIC, como moderador.
Seguidamente, Ed Gabrys, experto analista de Gartner, a prestixiosa consultora tecnolóxica, achegará un relatorio sobre o cambio cultural que se debe dar nas organizacións para conseguir unha verdadeira transformación dixital.
Tras esta conferencia celebraranse unha serie de mesas nas que diversos expertos abordarán temas como as Cidades Intelixentes, o monitoraxe da experiencia do usuario, a computación na nube, a aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías 5G, as oportunidades e retos que brinda a Intelixencia Artificial na empresa, as tecnoloxías aplicadas á saúde e á Industria 4.0 e a escaseza do talento TIC, así como as solucións a esta problemática.
Segundo fai saber Ineo acerca dos principais desafíos que se mostran e encaran en GaliciaTIC, o tempo que estamos a vivir é un intre clave de maduración nas tecnoloxías innovadoras e a súa aplicación ao mundo empresarial e á sociedade: un intre para achegar impulsos á transformación tecnolóxica dos sectores e das empresas, poñendo o foco nas de menor tamaño. “É por iso que na vindeira edición de GaliciaTIC seguiremos contribuíndo á devandita transformación, atraendo a sectores non tecnolóxicos e emprestando especial atención ás ferramentas e servizos que conformarán un novo ecosistema dixital nos vindeiros anos”, explican dende a organización do evento, que concentrará as actividades previstas nunha xornada matinal na que se darán cita ducias de profesionais do sector TIC e, tamén, representantes diversos de empresas non tecnolóxicas.

PUBLICIDADE