Google promove a instalación de ChromeOS en vellos portátiles cunha colaboración con Back Market

luns, 6 de abril do 2026 Redacción

Google anunciou unha nova iniciativa en colaboración con Back Market para promover a reutilización de ordenadores en desuso mediante ChromeOS Flex, o seu sistema operativo gratuíto orientado a equipos antigos, que está dispoñible oficialmente dende o verán de 2022. A proposta materialízase nun novo kit USB que facilita a instalación do software e busca ofrecer unha saída práctica a millóns de equipos que proximamente quedarán sen soporte de Windows 10.
O novo ChromeOS Flex USB Kit, xa dispoñible a través de Back Market, inclúe unha unidade USB e materiais de apoio como guías simplificadas e titoriais en vídeo que facilitan o proceso de instalación. Aínda que o sistema operativo pode descargarse de balde desde a web de Google, este formato físico busca reducir as barreiras técnicas e facer o proceso máis accesible para un público amplo.
O impacto ambiental é outro dos eixos desta proposta. A fabricación dun novo portátil representa unha parte significativa da súa pegada de carbono, polo que prolongar a vida útil dos dispositivos existentes contribúe a reducir emisións. Ademais, segundo datos da compañía, ChromeOS Flex consome de media un 19 % menos de enerxía que outros sistemas comparables.
O kit, cun prezo aproximado de 3 euros, tamén incorpora criterios de economía circular. As unidades USB son reutilizables e forman parte dun programa de compensación de residuos electrónicos en colaboración coa organización Closing the Loop, que garante a recollida e reciclaxe responsable dunha cantidade equivalente de lixo electrónico por cada dispositivo distribuído.