Gradiant aplica Intelixencia Artificial na mellora da fertilidade ovina

xoves, 28 de setembro do 2023 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant, referente en tecnoloxías de telecomunicación con potencial para as empresas, vén de empregar a Intelixencia Artificial (IA) de cara a mellora na fertilidade aplicada ás gandarías ovinas. Máis polo miúdo, mediante o grupo de traballo GC4SHEEP recompílanse, de maneira conxunta e nunha plataforma federada segura, datos de cada unha das razas para o desenvolvemento de modelos preditivos, permitindo a análise de solucións innovadoras para mellorar a fertilidade por inseminación artificial e aumentar así a rendibilidade das explotacións.
Así, a proposta de Gradiant, como parte do grupo de traballo GC4SHEEP que permite aplicar IA para a mellora da fertilidade das gandarías ovinas leiteiras, ten un dobre obxectivo: incrementar a rendibilidade a través dunha transformación baseada no dato e a posta en común da información con innovacións en mellora da fertilidade.
O sector ovino de leite e as súas asociacións levaban anos recompilando datos relacionados coas diferentes razas que supoñen unha fonte moi valiosa de información, pero que até agora non compartían entre si. GC4SHEEP permite crear unha plataforma federada segura “dotada de Intelixencia Artificial” que facilita a posta en común da información para o desenvolvemento de modelos preditivos cos que as asociacións gandeiras ovinas poden tomar decisións e actuar con maior celeridade.
Joaquín Lago de Gradiant sinala que “as novas tecnoloxías de tratamento de datos acompañadas de Intelixencia Artificial permitirán aos propietarios das explotacións gandeiras traballar de xeito coordinado para identificar patróns e solucións en eidos como o da fertilidade en inseminación artificial tendo en conta factores como a xenealoxía, a alimentación ou a análise do leite, entre outros”.
A iniciativa está liderada por OVIGEN, Centro de Selección e Mellora Xenética de ovino e caprino de Castela e León, e conta na agrupación con tres asociacións que representan case a totalidade do ovino a nivel nacional (ASSAFE, AGRAMA e CONFELAC).
Indo á idea en cuestión,trátase dunha análise de solucións innovadoras para mellorar a fertilidade. A través das tecnoloxías desenvolvidas por Gradiant, pódense extraer datos de interese vinculados á análise dos ritmos de saltos dos machos, de maneira que se poida saber cal é o ritmo máis axeitado para manter a produción de doses seminais de mellor calidade.
Grazas á plataforma de información compartida entre razas, tamén se poden pór en común puntos fundamentais como a selección de sementais en relación con estudos de morfoloxía, tamaño testicular ou calidade do seme.
Os desenvolvementos de Gradiant baseados en Intelixencia Artificial, permiten ademais estudar datos relacionados coas racións alimentarias nas femias, para definir o plan óptimo para o desenvolvemento fisiolóxico da ubre e, no caso dos machos, avaliar o efecto da dieta no seu perfil como sementais.
Noutra liña, empregaranse os datos de análises MIR (Metodoloxía de Infravermello medio) dos compoñentes do leite para determinar correlacións con outros parámetros que inflúen na fertilidade, así como a condición corporal das femias a inseminar, co obxectivo de avaliar os resultados reprodutivos.