Gradiant informa das posibilidades do seu traballo en visión artificial

martes, 26 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

O centro galego Gradiant, emprazado no Campus de Vigo, informou os pasados días dos seus progresos en materia de tecnoloxía para converter os aparellos móbiles nun importante complemento sensorial. En detalle, trátase dunha liña de investigación sobre o alicerce do sistema operativo para móbiles Android (moi afianzado hoxe en teléfonos intelixentes e tablets e no futuro en televisores, mp3, etc) que iría encamiñada a conseguir novas aplicacións de visión artificial. O abano de funcionalidades que se pode acadar con este novo tipo de visión é amplo de abondo. Entre as aplicacións máis interesantes para Gradiant atópase a seguinte: o recoñecemento facial.
De feito, e tal e como temos sinalado nesta web, o centro galego conta cunha ampla experiencia neste eido en concreto, de gran potencial cara o impulso definitivo da robótica, que será quen de acadar estreitas interrelacións co seu contorno e, sobre todo, cos seres humanos. A maiores, o traballo de Gradiant céntrase en novas funcionalidades e aplicacións para permitir un intercambio seguro, eficaz e inmediato de datos a través da información biométrica de cada quen.
Segundo conta o centro galego, a arquitectura dun sistema de visión artificial baséase nun computador como eixe central e unha serie de elementos tecnolóxicos periféricos. As perspectivas deste tipo de desenvolvementos son cada vez maiores, sobre todo se temos en conta que dende hai uns anos proliferan os móbiles con capacidades cada vez maiores para a obtención de imaxes e a visualización da contorna. O último atranco que ficaba por superar eran as limitacións de procesamento que achegaban, cousa que está a piques de quedar definitivamente atrás, con smartphones e tablets con maior potencia que os achegan ás funcionalidades dun computador. Isto, engaden dende o centro galego de I+D, vese beneficiado coa chegada de sistemas operativos dirixidos á creación de aplicacións que “aumentan de xeito decisivo as posibilidades de desenvolvemento”.
Ademais, o medre das tendas de aplicacións en liña como AppStore ou AndroidMarket, contribúen a atraer a atención de desenvolvedores e consumidores. “Esta situación bríndanos unha interesante oportunidade para migrar e desenvolver novas aplicacións de visión artificial nestes dispositivos, aproveitando a súa portabilidade e integración de sensores”, manifesta Gradiant.

PUBLICIDADE