Gradiant informa que o prazo para optar ao seu premio de teses doutorais TIC entra na recta final

xoves, 5 de setembro do 2013 Redacción

O centro Gradiant informa, para todos aqueles investigadores do ámbito tecnolóxico-dixital ligados ás contornas docentes, que só quedan dez días para presentar traballos ao Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral no Sector TIC, edición 2013. Lembrar que o galardón, dotado con 2.000 euros, diríxese a fomentar a elaboración de investigacións doutorais como fonte de coñecemento e recoñecer aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese nun eido aplicábel ao sector. O premio vén da man de Gradiant (Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia) e foi convocado, como tódolos anos, polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), incluíndose ao abeiro dos Premios Galicia Telecomunicacións e Sociedade da Información.
Sinalar tamén que o recoñecemento entregarase no marco da XVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que organiza o COETG-AETG, a celebrar o vindeiro 25 de outubro no Gran Hotel da Toxa e xirando este ano arredor das TIC aplicadas á mobilidade viaria, con especial fincapé na mellora da seguridade e da sustentabilidade no sector da automoción.
O prazo de presentación das teses remata o vindeiro 16 de setembro ás 9:00 horas.

PUBLICIDADE