ICANN dá luz verde á delegación dos 4 primeiros novos dominios de Internet

mércores, 23 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O pasado verán puidemos ver como o encontro internacional de ICANN en Durban (Sudáfrica) serviu para escenificar a sinatura dos acordos de rexistro dos catro primeiros novos dominios de Internet dentro do proceso que permitirá que o dominio .gal comece a ser realidade a primeiros do ano que vén, e esta mesma semana o organismo internacional confirma que vén de dar luz verde á delegación dos mencionados dominios, todos con caracteres internacionalizados (movemento que busca conseguir unha Internet máis inclusiva) de xeito que agora estes novos dominios pasarán a ser xestionados polos seus respectivos rexistros, iniciando un proceso en varias fases que culminará co rexistro libre de dominios de Internet cos novos sufixos.
Os dominios de primeiro nivel que están en camiño de converterse en realidade son شبكة (web en árabe), онлайн (en liña en ruso), сайт (páxina web en ruso) e游戏 (xogo en chinés), aos que seguirán moitos máis nos vindeiros meses, sendo os primeiros en pasar pola peneira os que empregan caracteres internacionais (IDN), e entre os que figurará a candidatura galega, que está a superar sen atrancos todas as fases deste complexo proceso.